O Resurrection Fest conta cun Punto Lila para atender ás vítimas de agresións
O Concello de Viveiro, a través da Concellería de Igualdade, o Centro de Información ás Mulleres e a Oficina Municipal de Voluntariado, en colaboración coa organización do Resurrection Fest, pon en marcha, por segundo ano, o dispositivo Punto Lila RF 2019, que ten como finalidade previr a violencia machista, acompañar, asistir e prestar apoio ás mulleres que sufrisen algún incidente deste tipo durante o festival.
O Punto Lila estará ubicado nun lugar visible dentro dos recintos do Resurrection Fest e será atendido por persoas voluntarias e varias asociacións, entre elas, a Asociación FEMFORTE de Monforte e a Asociación Feminista de Vilalba, con especial formación e sensibilización en materia de igualdade e xénero.
Estará en funcionamento dende o 3 ao 6 de xullo, ambos días incluídos. O horario de atención será o mércores de 17:00 a 2:00 horas, o xoves, venres e sábado, de 16:00 a 4:00 horas.