O rexedor cervense clarexa que o Concello ten superávit pero que hai que cumprir coa regra de gasto que ve inxusta para os municipios

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
6 Ago 2019

O Concello de Cervo tivo que aprobar en pleno un Plan Económico Financeiro para os exercicios 2019 e 2020 por incumprimento da regra de gasto, “unha magnitude financeira que resulta incoherente para municipios como o noso, que presenta unhas contas totalmente saneadas e con superávit”, precisou o rexedor, Alfonso Villares.

Villares recordou que a eliminación da regra de gasto é unha vella demanda do municipalismo. De feito, na sesión ordinaria celebrada pola Comisión Executiva da Fegamp, que preside o PSOE, do 5 de abril do 2017, con representación e apoio de todos os grupos políticos (BNG, PSOE, MAREAS, PP); “chegouse ao acordo de pedir a revisión desta Lei; xa que se estima que é inxusta, porque se deberían tomar en consideración as distintas situacións financeiras nas que se atopan os concellos”. Na acta recóllese textualmente que como cuestión xeral deberíase revisar a formulación das regras fiscais (estabilidade, sustentabilidade, regra de gasto, etc) que deberían tomar en consideración as distintas situacións en que se poden atopar as Entidades Locais. Particularmente a regra de gasto só debería resultar de aplicación cando concorrese un incumprimento dalgunha das restantes.

Realmente, e as cifras así o reflicten claramente, o Concello de Cervo, dada a súa situación económica, non precisaría de ningunha ferramenta de axuste como pode ser este plan financeiro, que estamos na obriga de aplicar polo que marca a  Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera

O rexedor cervense entende a este respecto que as declaracións do PSOE, “responden a unha autocrítica, porque hai institucións, como  por exemplo a Deputación provincial que gobernan, que tamén incumpren a regra de gasto”.

De todos os xeitos, este incumprimento ten un carácter meramente conxuntural, e non require máis que a posta de manifesto das causas que puideron levar a esta situación por medio deste plan financeiro.

0.091506958007812