O rexedor cervense pide que "o Goberno actúe xa ou co estatuto ou coa intervención"

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosou un día máis a súa preocupación ante a situación absolutamente límite que vive a comarca da Mariña, onde están en xogo milleiros de postos de traballo que, directa e indirectamente, dependen, da industria do aluminio.
22 Xul 2020

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosou un día máis a súa preocupación ante a situación absolutamente límite que vive a comarca da Mariña, onde están en xogo milleiros de postos de traballo que, directa e indirectamente, dependen, da industria do aluminio.

Neste senso, Villares, apunta que “non podemos tirar a toalla” porque a solución existe “querer é poder”; neste senso volve facer un chamamento ao Goberno do Estado pedíndolle que por favor “aprobe o estatuto para as empresas electrointensivas que levamos demandando case dous anos”, capitaneados polo Comité de Empresa, e do que a día de hoxe non temos aínda ningunha noticia; “e se non é así, que interveña Alcoa, pero que o Estado faga algo xa, urxentemente, porque o reloxo corre en contra da Mariña”.

O rexedor precisa que xa non valen as boas palabras, que A Mariña necesita feitos, “o Goberno coa súa falta de concreción está sentenciando a nosa bisbarra e o futuro de moitas familias que viven do aluminio na nosa zona; o que precisamos é a materialización desas medidas que salvagardarían o emprego existente na actualidade tanto en Alcoa, como nas empresas auxiliares vinculadas á fábrica”.

Villares subliña que para poder seguir a producir aluminio na Mariña, como levamos facendo os últimos 40 anos, necesitamos ese prezo da enerxía competitivo que garante o estatuto consensuado entre o Comité de Empresa, e as comunidades de Galicia, Asturias e Cantabria; un documento do que a día de hoxe non sabemos nada;  se o estatuto entra en vigor xa, todos os postos de traballo estarían a salvo, tal e como nos comentan moitos veciños e familias da zona afectadas.

As cubas en Avilés e Coruña -pecharon –recorda- e o causante foi o prezo da enerxía; se o Goberno non dá un cambio de rumbo xa, o final da nosa fábrica, por desgracia para todos, será o mesmo.

O rexedor prégalle ao Goberno que aprobe dunha vez ese documento, polo futuro dunha comarca que vive angustiada e en todo caso, se non o aproban que interveña á fabrica –reitera- pero que non deixen morrer A Mariña co seu silencio.

0.10592603683472