O Ría de Foz acadou moi bos resultados na carreira virtual do Camiño de Santiago
O Club de Atletismo Ría de Foz participou na carreira virtual Running Camiño de Santiago acadando un bo resultado.
Esta proba, organizada polo club veciño de Lourenzá, tiña por obxectivo a promoción do Camiño Norte, en vésperas do Ano Xacobeo, e recadar fondos para o banco de alimentos.
Cada equipo debía estar composto por un mínimo de dez corredores e cada membro tiña que acreditar que realizara unha carreira de 10 quilómetros ata completar, pola suma do equipo, 100 quilómetros, distancia mínima esixida a un peregrino de a pé para obter a compostelana.
Nesta proba competitiva e solidaria o Ría de Foz obtivo bos resultados, acadando os primeiros postos Manuel Eiras e Rosalía Rodríguez, e ser o equipo máis rápido en completar os 100 km e o segundo equipo con maior número de participantes.
Esta proba, xunto con outras de carácter virtual nas que están a participar os nosos atletas, serviunos para preparar o Campionato Absoluto Galego de Pista, que será a primeira ocasión na que o Club participe.