O ribadense Xavier Campos avanzou a campaña que o BNG presentará o día 14
O responsable de comunicación do BNG, Xavier Campos presentou a campaña de inicio de curso político que contará cun gran acto que terá lugar o sábado 14 de setembro, en Carballo, no que intervirán diversos colectivos, o alcalde de Carballo e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Campos avanzou que a campaña, baixo o lema Facer Valer Galiza, estará centrada naqueles aspectos que preocupan á cidadanía galega entre os que destacou “a economía, o medio ambiente, o feminismo e dereitos sociais”.
O responsable da Área de comunicación do BNG asegurou que comeza un período que será histórico para Galiza e para o propio BNG, un período que “encaramos con toda a forza e optimismo” porque o BNG, recalcou, está sintonizando co “máis dinámico e vivo do noso país. Dende o BNG ofrecemos “ un proxecto inclusivo, aberto, e plural para a grande maioría que hoxe necesita un cambio para recuperar a esperanza dunha vida mellor.
Campos remarcou que Galiza precisa “un goberno forte que defenda á sociedade galega sen complexos e faga fronte á discriminación e maltrado do Estado. “Unha sociedade galega empoderada” que se faga respectar e actúe con intelixencia de país e neste sentido, engadiu vai a campaña do BNG para iniciar o curso político.
O traballo político que agora comeza ten para nós, dixo, dous obxectivos principais nos próximos meses: o primeiro, defender os intereses de Galiza en todos os grandes temas, modelo de financiamento autonómico, infraestruturas, defensa da nosa industria, tecido económico, defensa da sanidade do ensino e os servizos públicos porque hai cambios que non son tal e que quedan en “recambios”. Cambian as caras pero manteñen o modelo e o BNG ten claro que o cambio real en Galiza pasa por facerse valer como sociedade, como país e defender os intereses e actuar con intelixencia colectiva e orgullo”.
Ante un posible novo proceso electoral, Campos afirmou que o BNG está preparado para conseguir unha voz propia no Congreso que defenda os intereses de Galiza e reiterou que o BNG tende a man a todas aquelas persoas, que ao igual ca nós son conscientes da “ausencia de Galiza” no escenario político do estado. Ninguén está a defender “unha axenda galega” nin os intereses de todos os galegos e galegas para condicionar a constitución dun goberno e ninguén o vai facer por nós.
Os meses que veñen por diante van ser meses decisivos, e este vai ser o curso do cambio político en Galiza, e vai selo porque na sociedade galega xa hai unha maioría que quere vivir nun país diferente e mellor, concluíu.