O Río Miño de Billarda logra o Campionato Galego xogando na casa

O campo de fútbol municipal de Castro Ribeiras de Lea acolleu hoxe a segunda edición do Campionato Galego de Billarda, unha cita que reuniu representantes de nove equipos federados: catro da provincia de Pontevedra, tres da Coruña e dous de Lugo. A competición, que se consolida como un dos eventos de referencia desta modalidade tradicional, desenvolveuse ao longo da xornada nun ambiente de rivalidade deportiva e camaradería.
O equipo do Río Miño, que xogaba na casa, estivo representado por once xogadores e asumiu a difícil responsabilidade de revalidar os éxitos da primeira edición, celebrada o pasado ano en Santiago. A formación cumpriu con creces e proclamouse de novo campioa galega por equipos, nunha final moi axustada fronte a Lúa de Forza.
Tamén houbo presenza destacada en varias categorías individuais. Adrián conseguiu o subcampionato galego infantil, mentres que Iker completou o podio co terceiro posto. Na categoría feminina, Delia disputou o título a Lu ata o último intre e rematou segunda, acompañada por Vero, que confirmou o seu bo momento de forma cun meritorio terceiro posto. Na final absoluta, Cortón e Lucho lograron clasificarse entre os mellores, quedando ás portas do podio. Ademais, salientouse a boa actuación de xogadores como Kiko, Pepe Outeiro, Luis Ares, Pili e Mauro.
Na categoría absoluta o triunfo foi para Daniel, dos Billardeiros Musicais, seguido de Lu (Lúa de Forza) e Outeiro (Corredoiras). Na categoría feminina impúxose Lu (Lúa de Forza), por diante de Delia e Vero, ambas do Río Miño. No apartado infantil destacou Xian (Lúa de Forza), que se fixo co primeiro posto, seguido de Adrián e Iker, os dous do Río Miño. Pola súa parte, na modalidade de equipos, o campionato quedou en mans do Río Miño, por diante de Lúa de Forza e Cochiqueiros. En varados proclamouse vencedor Xian (Lúa de Forza), acompañado no podio por José Antonio (Valpaços) e David (Cochiqueiros).