O Riotorto pecha a tempada coa conquista da Copa Deputación de Segunda e Terceira

O Riotorto puxo o ramo á súa tempada con alegría, tras proclamarse este domingo campión da Copa Deputación nas categorías de Segunda e Terceira, logo de vencer por 2-0 ao San Roque no campo do Pichón. Un título que serve de merecido premio e consolo tras a súa recente eliminación na fase de ascenso.
O equipo, que chegou con moitas baixas e o banco axustado, asinou unha vitoria sólida fronte a un San Roque tamén combativo, pero que quedara fóra do ascenso na primeira eliminatoria ante o Sada.
Nun partido moi igualado, os riotortenses souberon aproveitar mellor os momentos clave. O primeiro gol chegou no minuto 25, a balón parado, e deulle tranquilidade ao equipo. Xa na segunda metade, o Riotorto tivo o encontro baixo control, malia unha ocasión moi clara do rival tras un erro defensivo.
O segundo tanto, nun despexe que cambiou de banda e entrou escorado, asegurou o resultado e a copa. O marcador non se movería máis, malia algunhas contras perigosas dos gañadores. Os últimos minutos estiveron marcados pola tensión e as dúas expulsións no San Roque, tras dúas entradas duras.
Con este título, o Riotorto pecha unha campaña brillante, na que loitou pola Liga ata o final e quedou ás portas do ascenso tras caer na prórroga do partido de volta. A Copa serve como xusta recompensa ao traballo, compromiso e regularidade do equipo durante toda a tempada.