O Roteiro Avelino Díaz xa conta cun novo chanto no Alto do Candedo

A vila de Meira celebrou esta fin de semana a undécima edición do Roteiro Avelino Díaz, unha cita cultural e reivindicativa que cada ano rende homenaxe ao poeta local. A programación arrancou o sábado 30 de agosto cunha actuación musical da Asociación Cultural de Andrade, de Vilalba.
A xornada do sábado completouse cunha cea reivindicativa na Tapería Arguiñano, á que asistiron decenas de persoas. Cun prezo de 20 euros por cuberto, a iniciativa tivo como obxectivo reclamar oficialmente un Día das Letras Galegas dedicado a Avelino Díaz, unha petición que a asociación organizadora leva anos impulsando.
O domingo 31 celebrouse a ruta propiamente dita, que partiu ás 10.30 horas do Parque Río Barxa de Meira e percorreu 9,5 quilómetros ata a casa natal do poeta no lugar da Travesa, na Órrea. O camiño incluíu paradas emblemáticas, como a casa da Pena, onde o escritor pasou parte da súa puberdade.
No Alto de Candedo tivo lugar un dos momentos máis emotivos da xornada: a inauguración dun novo chanto do escultor ribeirego-meirego Manolo Pardo, dedicado á figura de Avelino Díaz. O acto contou co apadriñamento do mestre e escritor David Otero, que puxo en valor a obra e a memoria do homenaxeado.
A xornada concluíu cun encontro de confraternidade no local social da Órrea, onde os participantes gozaron de petiscos variados ás 14.00 horas, poñendo o broche a unha fin de semana na que cultura, poesía e reivindicación volveron ir da man para manter viva a figura do poeta meirego.