O roubo de cable no alumeado do Alligal provoca unha avaría
O Concello de Vilalba denuncia publicamente o roubo de cable que o pasado venres, 15 de decembro, provocou unha avaría no alumeado público na Charca do Alligal.
O concello lamenta os feitos, que provocaron un dano considerable nun servizo público. O arranxo da avaría custará uns 3.000 euros ás arcas municipais.
Despois de verificar que as proteccións estaban sen disparo algún, a empresa encargada do servizo eléctrico desprazouse ata a charca, onde atopou que as portas dos farois estaban violentadas e faltaban os condutores de alimentación, así como o de terra (imaxes adxuntas).
A subtracción dos condutores afecta ás seis luminarias existentes no recinto. O roubo foi dun total de 204 metros de cable condutor de cobre de seis milímetros cadrados de sección, correspondente aos condutores de alimentación, e 102 metros de cable condutor de 16 milímetros cadrados de sección, correspondente ao condutor de protección da toma de terra.