“O rural é prioritario para o noso Concello e para o noso partido”

TerraChaXa
A máxima dirixente do PP provincial, Elena Candia presentou a candidatura de Sandra Vázquez Domínguez á Alcaldía de Vilalba.
SANDRA VAZQUEZ PP. VILALBA
8 Xan 2023

A máxima dirixente do PP provincial, Elena Candia presentou a candidatura de Sandra Vázquez Domínguez á Alcaldía de Vilalba. Asegurou que desde o partido confían na aposta de Vázquez para recuperar a Alcaldía, “unha vilalbesa comprometida co municipio e os seus veciños, coñecedora das súas necesidades, con moita formación, experiencia e ilusión por mellorar Vilaba grazas a súa vocación de servizo público”.

Que significa para vostede este cambio de presidenta da Xestora a candidata á Alcaldía?

A finais do ano 2019 recollía con compromiso e con responsabilidade a testemuña para dirixir o PP de Vilalba como presidenta da xunta xestora. Poucos meses despois irrompía unha profunda pandemia mundial, ocasionando que nos centrásemos en combater a crise sanitaria que viviamos. Durante eses meses estivemos en contacto directo cos colectivos que máis o necesitaban en pequenas reunións cumprindo sempre as restricións sanitarias que vivimos durante preto de dous anos e tamén traballando con motivo das eleccións autonómicas. Foi en marzo deste mesmo ano cando celebrábamos o congreso local. Teño que agradecer aos afiliados por apoiar a miña candidatura trala que se constituíu o comité executivo e a xunta directiva local conformada por un grupo de medio cento de persoas representativas do termo municipal de Vilalba -tanto do casco urbano como das 29 parroquias que conforman o municipio-  e involucradas en diferentes ámbitos, co fin de confeccionar un grupo forte e amplo centrado nos diferentes ámbitos da sociedade vilalbesa.

Cal é o plan máis inmediato agora mesmo?

Seguimos construíndo o noso proxecto en base ao contacto directo con toda a sociedade vilalbesa. Estamos a desenvolver un intenso traballo para coñecer máis de preto as necesidades reais dos vilalbeses. Mantemos reunións polas distintas parroquias e tamén  colectivos de diversos ámbitos coma o social, empresarial, deportivo e cultural. Témonos reunido coa Asociación de empresarios, distintos clubs deportivos, con entidades coma a Cruz Vermella ou Protección Civil e recentemente tamén escoitamos ás asociacións de música e danza. Proximamente temos tamén previsto manter unha xuntanza con representantes de asociacións culturais. Por suposto, estamos tamén en contacto cos nosos afiliados cos que mantivemos recentemente reunións dirixidas a moldear o noso proxecto político de Vilalba contando con todos e todas para traballar por Vilalba.

Houbo varios cambios dentro do PP nestes últimos anos. De cara ás eleccións haberá máis cambios?

O PP de Vilalba quere contar con todos e todas. Neste intre estamos involucrando a moitas persoas válidas e moi necesarias para construír o proxecto político do Partido Popular en Vilalba. Estamos a escoitar e convidamos a unirse a aquelas persoas interesadas en traballar co obxectivo de mellorar a nosa vila, mellorar a calidade de vida dos veciños e de impulsar economicamente o noso municipio.

"Temos unha liña de traballo moi centrada en escoitar a todas e cada unha das persoas que queiran aportar ideas e proxectos para conseguir unha vila próspera"

Que liña de traballo quere levar a cabo para recuperar a Alcaldía?

Levamos meses traballando nese ámbito, temos unha liña de traballo moi centrada en escoitar a todas e cada unha das persoas que queiran aportar ideas e proxectos para conseguir unha vila próspera. 

Centrámonos en tres piares fundamentais. O primeiro o asentamento de empresas no polígono industrial. A creación de emprego pasa indiscutiblemente polo asentamento de novas empresas e ampliación das xa existentes no pulmón económico de Vilalba. Os postos de traballo favorecen o asentamento de veciños no noso territorio e repercuten, á súa vez, no comercio, na hostalería e noutros servizos. O segundo é que apostamos por servizos de calidade. Cremos que é fundamental a prestación de servizos aos veciños velando polo seu benestar, tanto dende os máis pequenos ata os nosos maiores. Por suposto, tamén apostamos pola inversión na rede de abastecemento de auga, indispensable en moitas zonas do concello. E o terceiro é que defendemos o noso rural e o seu desenvolvemento. O rural é prioritario para o noso Concello pero tamén para o noso partido. É necesario arranxar as vías municipais, as casas escola, apoiar ao tecido asociativo -tanto cultural, social, veciñal, deportivo-, etc.

Cales son os principais problemas/necesidades que ten Vilalba?

Cremos que neste momento os veciños e veciñas non están vendo respostas ás súas necesidades por parte do goberno local. Estamos ante un goberno socialista autoritario que non escoita e toma as súas decisións sen contar con ninguén, a pesar de que goberna en minoría logo da ruptura de pacto de goberno con Vilalba Aberta. Tamén apreciamos unha nefasta xestión que ocasiona a perda de subvencións concedidas por outras administracións; ademais do despilfarro de recursos económicos en proxectos que non están a ter repercusións positivas para os vilalbeses, senón todo o contrario. Hai que lembrar tamén que Vilalba non dispón duns orzamentos municipais dende o 2019. O PSOE está a gobernar prorrogando os presupostos aprobados polo anterior goberno  antes da pandemia e que, polo tanto, non estaban deseñados para facer fronte ao que se require na actualidade. As necesidades máis latentes para Vilalba cremos que son o fomento da actividade comercial, ao igual que a ampliación do pulmón económico da nosa vila para, consecuentemente, asentar novas empresas que dinamicen a economía municipal. Non podemos esquecer ao noso rural. Hai que traballar claramente para favorecer o seu desenvolvemento e, nese sentido, levamos tempo reclamando unha planificación seria para o arranxo das vías municipais porque é un servizo básico para os veciños e veciñas. Igualmente, tamén é imprescindible xestionar de forma eficiente os recursos para garantir os servizos próximos aos veciños e mellorar a súa calidade de vida. O Partido Popular traballar para impulsar o noso municipio e ofrecer servizos aos veciños dando resposta ás súas necesidades. Non se pode gobernar de costas aos vilalbeses.

paula prado sandra vazquez pp vilalba
reunion comite executivo pp vilalba
sandra vazquez pp vilalba
0.1995210647583