O sábado terá lugar unha nova edición do certame de pintura rápida de Rábade
Este sábado, 9 de xuño terá lugar o XIV Certame de Pintura Rápida organizado polo Concello de Rábade. As inscricións realizaranse no propio edificio consistorial o mesmo sábado dende as 9:00h ata as 10:30h.
O concurso está aberto a todos os artistas que desexen participar maiores de 18 anos, que comezarán coa pintura ás 9.00 horas e teñen de prazo ata as 17.00 horas. Só se admitirá unha obra por artista, que será libre de escoller a modalidade e estilo de pintura que desexe. O tema é Estampas de Rábade. As obras terán unhas dimensións mínimas de 50x50 cm e máximas de 150 x 150 cm.
Os premios serán en metálico. Ao primeiro corresponderanlle 1.200 euros ofrecidos polo Concello, ao segundo 800 euros patrocinados por Finsa; ao terceiro 600 euros, a cargo de Mercontrol e un cuarto, de 500 euros está financiado por Sariego. Outorgarán tamén tres accésit de 100 euros.
Todos os inscritos deberán presentar o cadro ao remate da sesión para participar na exposición que se abrirá unha vez remate a entrega de premios, que terá lugar ás 18.00 horas no centro sociocultural, onde tamén estará aberta a mostra.