O SAT dos concellos de Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade consolídase
O Servizo de Atención Temperá (SAT) dos concellos de Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade continúa medrando e consolidándose como un recurso esencial para a poboación infantil de 0 a 6 anos e as súas familias, cun impacto crecente e melloras significativas nos indicadores tanto estruturais como de actividade e resultados.
As familias valoran moi positivamente tanto as instalacións como os recursos do servizo, en aspectos como a adecuación das salas, o estado do material e a privacidade. Ademais, a accesibilidade do servizo é excelente, ao igual que a dispoñibilidade, atención presencial e resposta ás demandas.
"Este nivel de satisfacción confirma que o SAT proporciona un entorno óptimo e adaptado ás necesidades das familias, xa que os indicadores de actividade reflicten un crecemento significativo no volume de intervencións e servizos prestados", destacan.
Así, en 2024, realizáronse 3.869 prestacións individuais, un incremento notable respecto a anos anteriores. O mesmo ocorre coas sesións de valoración e apoio, que aumentaron progresivamente, cunha mellora especialmente destacable nas sesións de valoración, que case se duplicaron entre 2021 e 2024 (de 242 a 474).
Ademais, os Plans Personalizados de Intervención (PPI) pasaron de 36 en 2021 a 132 en 2024, evidenciando un enfoque máis detallado e individualizado. Estes datos, xunto co aumento das accións comunitarias e as sesións de seguimento, amosan a capacidade do servizo para responder a unha demanda en constante evolución.
En termos de alcance, o SAT logrou atender a 146 nenos e nenas desde o 8 de setembro de 2020, o que supón un 31,3% da poboación total de 0 a 6 anos nos cinco concellos segundo os últimos datos do INE (466 nenos en 2022). Só en 2024, o servizo chegou ao 16,95% da poboación infantil desta franxa de idade, cunha cobertura particularmente destacable en Friol (23,28%) e Begonte (17,28%). Este impacto é aínda máis notable tendo en conta que a idade media dos nenos atendidos é de 38,05 meses, o que reflicte unha intervención no momento crítico para o desenvolvemento.
No que respecta aos perfís diagnósticos, destacan os trastornos de comunicación e linguaxe, que representan o 40,45% dos casos, seguidos polos trastornos de regulación e comportamento e os trastornos emocionais. Estes datos confirman que o SAT está a abordar unha ampla diversidade de necesidades, incluíndo casos máis específicos como os do espectro autista ou problemas de desenvolvemento motor.
Así mesmo, o servizo atende unha porcentaxe significativa de nenos con discapacidade e/ou dependencia, reforzando o seu papel esencial na atención a situacións máis complexas.
Finalmente, os indicadores de proceso evidencian unha xestión eficaz, cun cumprimento ao 100% en aspectos como a revisión periódica dos expedientes, a elaboración de informes de alta e a utilización de ferramentas normativas e diagnósticas como o ODAT. Estes estándares permiten garantir a calidade e o rigor nas intervencións realizadas.
En conclusión, o SAT dos concellos de Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade é un servizo "ben estruturado, altamente valorado polas familias e cun impacto crecente na súa área de influencia", defenden desde o Concello de Friol.
O incremento da cobertura, a diversidade de perfís atendidos e a mellora nos indicadores de actividade e resultados confirman a eficacia do servizo, que segue evolucionando para responder ás necesidades da comunidade. Entre os retos futuros destaca a importancia de reforzar a detección precoz en idades temperás e manter o nivel de calidade e accesibilidade, garantindo que o SAT continúe a ser un recurso imprescindible para o desenvolvemento integral da infancia.
O alcalde friolés, Jose Á. Santos, “agradece a financiación da Xunta de Galicia, que a través da Consellería de Política Social acomete o 100% dos gastos deste servizo. Este apoio reforza a nosa motivación e o compromiso de todos os alcaldes dos concellos que formamos parte desta unidade; Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade e por suposto Friol, todos seguimos co noso compromiso constante co benestar da infancia e co desenvolvemento integral das familias no noso territorio, polo que queremos que este servizo siga traballando en prol dunha atención temperá de calidade, accesible e eficiente, que poida seguir marcando a diferenza na vida de tantas familias".