O SD Guitiriz utilizou no último partido brazaletes solidarios coa loita contra o cancro
Para sensibilizar e unir a diferentes colectivos na loita para acadar cada vez mellores resultados de recuperación, este ano dende a Asociación de loita Contra o Cancro púxose en marcha unha iniciativa chamada Brazaletes solidarios, na que participou o club de fútbol de Guitiriz.
Así, no partido que se disputou o domingo, día 5, ás 16.15 horas no campo Suso Cruz entre o Guitiriz e o Riotorto, todos os xogadores saíron ó campo con brazaletes verdes, a cor da asociación, "pero tamén a cor da esperanza de xuntarnos todos para acadar a curación do meirande número posible de afectados", explica o colectivo.
Ademais, dous dos equipos de categorías inferiores que xogaron na casa o sábado pola tarde e o domingo pola mañá, tamén saíron portando os brazaletes.
"Transmitimos o agradecemento á Sociedade Deportiva Guitiriz por colaborar nesta iniciativa e tamén ós xogadores do Riotorto", subliñaron desde a asociación
Ao agradecemento pola participación no acto simbólico engadiron outro de solidariedade xa que o club doou á Asociación de Loita Contra o Cancro os 200 euros da recadación dunha rifa esa tarde. Estes cartos irán destinados a investigación.