O SD Guitiriz xa ten nova directiva
Os socias e socios da Sociedade Deportiva Guitiriz reuníronse na Casa Habanera para celebrar a Asamblea Extraordinaria co obxectivo de elixir unha nova Xunta Directiva.
A maior parte dos socios realizaron “unha valoración positiva da pasada tempada na que o primeiro equipo acadou o ascenso a 1ª División Autonómica e o club medrou ata alcanzar máis de 80 membros entre xogadores e corpo técnico”.
Para formar esta nova Xunta Directiva apostouse por unha liña continuista, mantendo presentes a dous membros do anterior equipo no actual, pero incorporando once caras novas formando así un grupo de traballo de trece persoas.
José Manuel Lorenzo López seguirá a ser o presidente, mais ó seu carón estará Francisco Álvarez Arias (Kiko) como vicepresidente, Manuel Isidro Iñiguez Martínez (Patarolo) como tesoureiro e César Gómez Roca como secretario.
Completarán a Xunta Directiva; Martín Sánchez Río, Daniel Blanco Porto (Puma), Diego Ferreiro López, Jesús Losada Pérez, Miguel Ángel Losada Rivas, Jose Antonio Grande Terrón (Josito), Adrián Novo Roca, Jesús Lorenzo López (Suso) e Daniel López Díaz como vocais.
Este novo equipo de traballo está formado por ex-xogadores, ex-adestradores, pais de xogadores da base e, inclusive, xogadores actuais do primeiro equipo
Os principais puntos de traballo serán “unha mellora na comunicación con cada unha das abonadas e abonados, así como o cumprimento dos prazos dos propios abonos e das cuotas dos xogadores da base, unha mellora do coidado das instalacións para que todos os xogadores, adestradores e espectadores poidan desfrutar do fútbol nas mellores condicións posibles e, por riba de todo, o fomento da relevancia dos valores do deporte, formando persoas antes que futbolistas”.