O Secretario de Estado de Turismo supervisa os proxectos das Pontes

TerraChaXa
O Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, visitou a comarca do Eume co obxectivo de coñeceros proxectos turísticos das Pontes.
secretario turismo lago as pontes
31 Xul 2021

O Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, visitou onte a comarca do Eume co obxectivo de coñecer, de primeira man, os proxectos turísticos que se están a desenvolver nas Pontes e na comarca do Eume e cos que se aspira a formar parte dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, promovidos polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Unha visita, que en palabras do Secretario de Estado de Turismo “significa apostar polo futuro do turismo en España e, en concreto, do turismo en Galicia e na comarca do Eume. Desde fai tempo vimos colaborando co municipio e coas autoridades da Deputación para tratar de ver cales son as posibilidades do proxecto turístico da comarca para desenvolver unha oferta turística de calidade que permita mellorar non só a conservación do territorio e a posta en valor dos seus recursos senón tamén para que sexa unha proposta concreta de futuro que permita desestacionalizar a demanda e xerar un turismo de referencia desde o punto de vista do deporte activo, que axude no conxunto de España nunha proposta de benestar para a comarca!

O percorrido comezou cunha visita ao lago das Pontes onde o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Turismo, Elena López e a deputada en Madrid, Montserrat García, foros os encargados de darlle a coñecer ás principais fortalezas turísticas das Pontes, tanto no ámbito do turismo de deporte, familiar e medio ambiental, así como de adiantar algúns detalles das propostas dirixidas a converter ao Eume nun destino turístico de referencia.

Así, González Formoso expúxolle ao Secretario de Estado de Turismo os principais contidos do Plan de Sustentabilidade Turística da comarca do Eume 2021, un proxecto cun investimento estimado en 4 millóns de euros, baseado na transición verde e sostible, competitividade, eficiencia enerxética e transición dixital, “a través do que os municipios das Pontes, Pontedeume, Cabanas, Capela e Monfero, queremos ofrecer un destino máis atractivo, sostible, desestacionalizado e no que se integran activos naturais, culturais e patrimoniais para impulsar o desenvolvemento económico e social para, deste xeito, revitalizar a comarca no seu conxunto”,  indicou o rexedor local.

Pola súa banda, Elena López subliñou que todas as accións incluídas neste plan “busca aportar solucións que permitan regular os fluxos turísticos na comarca, incrementar o peso do turismo no territorio do Eume, a través do tratamento global da comarca, por medio da creación dunha oferta turística de calidade,  arredor ás Fragas do Eume, que permita mellora a chegada de visitantes e turistas e repercuta positivamente e de forma directa sobre a poboación local”.

Entre as accións propostas, co obxectivo de mellorar e poñer en valor a oferta turística, destacan a creación de diversas áreas de caravanas, a creación dunha ruta de miradores do Eume, a posta en marcha dun novo servizo de bicicletas eléctricas, instalación de bungalows flotantes no lago Pontes, a preparación dunha exposición itinerante dos restos arqueolóxicos deste municipio ou dunha ruta cultural  sobre os mosteiros da comarca e da familia Andrade.

Ademais propóñense melloras nos accesos ao Parque Natural Fragas do Eume por A Capela, o acondicionamento do mirador da Carboeira e do situado na parroquia de Soarrea no concello de Cabanas e a implantación de solucións tecnolóxicas turísticas no Castelo de Nogueirosa, no Lago das Pontes e nos Mosteiros de Caaveiro, Monfero e a Capela, entre outras cuestións.

Tras visitar o lago das Pontes, desprazáronse ata o Concello de Cabanas para coñecer a súa praia e piñeiral. O percorrido continuou cunha visita ao casco histórico de Pontedeume para a continuación desprazarse ata o Mosteiro de Caaveiro, finalizando a visita cun pequeno paseo pola Fragas do Eume.

0.18288803100586