O sector adicado ao cultivo de produtos do mar disporá de seis millóns de euros de apoios en 2021
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións de Algafrés, empresa dedicada ao cultivo de algas e pertencente ao grupo Porto-Muiños. Alí destacou unha vez máis os esforzos da cadea mar-industria de Galicia no subministro de produtos do mar durante a crise do coronavirus e salientou que o plan Avantemar, deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro trala pandemia, conta cunha liña de apoios de seis millóns de euros para o sector dedicado ao cultivo de produtos do mar co obxectivo de compensar parcialmente as caídas de ingresos rexistradas durante este ano e outros 10,4 millóns postos a disposición das empresas en 2020 para melloras nas súas estruturas produtivas.
Esta medida enmárcase na liña que o plan dedica á dinamización e solvencia xeral das empresas e profesionais, unha das cinco que inclúe Avantemar dotado con 77 millóns de orzamento para este ano e 14 millóns para 2021. Nesta liña a titular de Mar lembrou que o sector tivo que adaptarse ás circunstancias, modificar as súas dinámicas de traballo e adoptar as medidas preventivas necesarias e, ao mesmo tempo, sufriu perdas como consecuencia do peche da canle Horeca e a paralización da exportación. Por iso, o Executivo galego estima que as perdas no conxunto da cadea mar-industria de Galicia acadarán os 500 millóns ao longo deste ano, polo que ve necesario impulsalo o antes posible e que ninguén quede no camiño.
A liña de apoio de seis millóns de euros destinada ao sector de cultivo de produtos do mar procede do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e de fondos propios da Xunta e pretende compensar parcialmente as caídas de ingresos rexistradas polas empresas e estará á súa disposición en 2021, cando coñezan con exactitude o impacto da crise nas contas do presente exercicio. Derívanse no tempo para atender tanto os danos causados pola pandemia como os provocados pola saturación dos mercados unha vez levantado o estado de alarma.
A estes seis millóns de euros para 2021 súmanse os 10,4 millóns postos a disposición das empresas de cultivo de produtos do mar este ano para investimentos produtivos, para incrementar a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables e para servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico. Con estes fondos, financiados ao 75% FEMP, o plan Avantemar permite adecuar as estruturas produtivas das empresas ás necesidades derivadas da covid-19 e a reorientar a produción ás novas demandas comerciais xeradas como consecuencia da pandemia.
Outros apoios
O plan Avantemar pretende atender especialmente as necesidades dos profesionais e empresas que non se benefician das medidas adoptadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da reforma do FEMP. Con ese obxectivo, o conxunto de medidas deseñado por Galicia inclúe outros apoios, entre eles, oito millóns de euros para o sector transformador para o 2021 co obxectivo de compensar parcialmente as caídas de ingresos rexistradas durante este ano.
Tamén prevé 7,3 millóns de euros para os barcos que mantiveron a súa actividade durante a pandemia a pesar de que non era rendible, máis de cinco millóns para as mariscadoras que non poden acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central, 600.000 euros para as confrarías e entidades xestoras de lonxas que viron caer os seus ingresos ou 400.000 euros para as redeiras cos que paliar a caída de ingresos polo descenso da actividade.