O sector transformador da madeira de Lugo avanza nas normativas futuras

TerraChaXa | LugoXa
O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan,  mantiveron unha xuntanza de traballo cos representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo para abordar as diversas cuestións de actualidade e interese en relación ao sector.
1 Dec 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan,  mantiveron unha xuntanza de traballo cos representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo para abordar as diversas cuestións de actualidade e interese en relación ao sector.

Nela, o titular de Medio Rural informounos da situación do futuro decreto de aproveitamentos forestais. Neste sentido, explicou que está arestora en tramitación e adiantou que irá proximamente ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

Os representantes de Medio Rural e da Asociación tamén abordaron o futuro decreto polo que se crea e regula o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. O obxectivo desta norma, que se aprobará proximamente, é mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e forestal fundamental de Galicia. Ao fío disto, ambas partes coincidiron na aposta por un monte multifuncional, vivo, dinámico e sustentable económica, social e medioambientalmente, na procura da Galicia verde

Finalmente, José González aproveitou o encontro para explicar o contido da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia ao colectivo. Así, trasladou que a nova norma terá por finalidade recuperar terras agrogandeiras e forestais abandonadas, aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, anticiparse ao problema dos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación. Un obxectivo, dixo, que se realizará facilitando, entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios agrarios e forestais e os seus propietarios. Ademais, sinalou que a futura norma conterá, entre outras ferramentas, os chamados polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta, que suporán un pulo moi importante para a xestión forestal da nosa comunidade.

0.16165804862976