O Seminario de Estudos do Valadouro presenta outro caderno coa testamento do Mariscal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
6 Ago 2019

O Seminario de Estudos do Valadouro, Seva, vai presentar o seu Caderno número 9, titulado 'Os últimos días do Mariscal (o testamento e a Igrexa mindoniense)', no cal Antón Xosé Meilán García, baseándose no testamento do Mariscal, analiza a súa figura.

Antón X. Meilán García (Mondoñedo, 1950) é licenciado en filoloxía románica, e actualmente profesor titular de Lingua Española na Universidade de Oviedo, especialista en dialectoloxía da lingua galega do territorio asturiano, sendo coautor das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Galego de Asturias (1990), e autor de diversos estudos filolóxicos, sociolingüísticos e literarios, centrados estes na obra de Leiras Pulpeiro e de Manuel María. Colaborador das Universidades de Santiago e Vigo, foi conferenciante e director das revistas Britonia e Monfadal. Na actualidade dirixe un equipo de investigación sobre traballos de Dámaso Alonso cedidos pola Real Academia Española.

Ademais dedica a súa actividade á investigación histórica da figura do Mariscal, que ten dado á luz publicacións como 'O mito do Mariscal Pardo de Cela (historia, lendas e literatura)', 2004; 'O Mariscal Pardo de Cela e o seu tempo', 2006; e 'O Mariscal Pardo de Cela (un rebelde contra a Igrexa Mindoniense e os Reis Católicos)', 2010.

O traballo do presente caderno, 'Os últimos días do Mariscal (o testamento e a Igrexa Mindoniense)', foi elaborado a partires do descubrimento do testamento de Pardo de Cela e outros documentos no Archivo de la Real Chancillería de Valladolid, en 2011, e desvela ao lector as claves da persecución e morte de quen, en terras do Valadouro, aínda chaman O Bon Mariscal.

O Caderno será presentado o vindeiro mércores, día 7 de agosto, ás 20,00 horas, no Castelo do Castrodouro de Alfoz, coa presenza do autor, de Xesús Pisón, Responsable da Área de Sociedade do SEVA, e de Pepe Peinó, actual Presidente do SEVA.

0.12255191802979