O Senado insta ao Goberno a suspender as axudas a Alcoa
A Comisión de Industria, Comercio e Turismo do Senado aprobou este mércores por unanimidade unha moción do PSOE que insta o Executivo central a evitar o peche da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao e a deixar en suspenso as axudas correspondentes ao 2020 que consideran incompatibles co anuncio de pechar a planta.
Segundo o texto da iniciativa, pídese ao Goberno que esixa á dirección de Alcoa que retire de inmediato o despedimento colectivo e que reinicie as negociacións que "poidan conducir á venda desta factoría estratéxica de maneira que manteña a súa actividade".
Así mesmo, reclaman un estudo pormenorizado sobre o destino e a xestión das axudas públicas recibidas por Alcoa desde o ano 2011 e deixar en suspenso as axudas correspondentes ao 2020 "entendendo que deberían ser incompatibles" co anuncio de pechar a planta.