O Serán do Magosto en Santiago de Sancovade será o sábado 9 de novembro
O próximo sábado, 9 de novembro, Santiago de Sancovade celebrará o seu esperado Serán do Magosto, un evento que mestura tradición e festa nunha noite chea de música, cantos de taberna e boa comida. A partir das 18:30 horas, os grupos Entre Lusco e Fusco, Mestura de Nete, Cerna de Árbol, Batifoula, No Cómaro e Buxos Verdes encherán os bares locais de melodías populares galegas, ofrecendo un auténtico percorrido musical polas tabernas Estudante, As Xaquinas, Teyma, O Porrón, Trebol e Tony.
A partir das 20:30 horas, a festa trasladarase á Frouxeira, onde os asistentes poderán gozar dun magosto tradicional con castañas, liscos, xamón cocido, chocolate e outras delicias propias da época. Para completar a noite, o grupo Os do Campo ofrecerá un concerto e haberá unha foliada libre, onde todos están convidados a participar e a compartir a súa música.
Organizado pola Asociación Cultural Santiago de Sancovade e Árdelle o Eixo, este serán promete ser un punto de encontro para veciños e visitantes que desexen celebrar a chegada do outono a través da música e a gastronomía galega.