O Sergas amplía a campaña de vacinación de gripe e covid ata o 12 de xaneiro
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, anunciou a ampliación da campaña de vacinación de gripe e covid, que estaba previsto rematar o 31 de decembro, ata o 12 de xaneiro. Tendo un incremento no número de casos e un aumento de reunións sociais polas festas de Nadal, a Xunta facilita a oportunidade de que se vacine a poboación diana que non o fixera polo momento.
Desta forma, as persoas de máis de 60 anos, embarazadas e persoas pertencentes a grupos de risco teñen dispoñibles os hospitais públicos galegos para vacinarse de forma conxunta de gripe e covid e, ademais, nos centros de saúde adminístrase a vacina da gripe, dirixida tamén a nenas e nenos de 6 a 59 meses de idade ou persoas fumadoras.
Segundo os últimos datos dispoñibles, máis de 760.000 persoas en Galicia están vacinadas xa fronte á gripe. Delas, 34.000 son menores de 5 anos, o que supón máis do 48% do total. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade sinalou a relevancia da vacinación nos nenos debido a que “xogan un importante papel como vector de transmisión ás persoas maiores e tamén sofren ingresos hospitalarios”. No que respecta á cobertura vacinal de gripe en adultos, Galicia acadou xa un 81% en maiores de 80 anos.
En canto á covid, os datos publicados polo Ministerio de Sanidade a pasada semana sitúan a Galicia como líder en cobertura cun 65,85% de vacinados maiores de 60 anos (5 puntos por encima da segunda comunidade autónoma e dez puntos por riba da media nacional). Por franxas de idade, Galicia acada un 77,16% de cobertura en maiores de 80 anos (17 puntos máis que a media nacional), un 66,88% en 70-79 anos (9 puntos máis que a media nacional) e un 53,50% en 60-69 anos (máis de 25 puntos por encima da media do Estado).
Aínda cos mellores datos de toda España, desde a Consellería de Sanidade aspírase a aumentar a protección fronte os virus da gripe e da covid para evitar complicacións e ingresos hospitalarios. A día de hoxe, hai 432 persoas hospitalizadas por gripe en Galicia (15 máis que o día anterior) e, delas, 20 están na unidade de coidados intensivos (UCI). No que vai de temporada, rexistráronse 888 ingresos hospitalarios por gripes (todos co virus do tipo A) e 48 pacientes tiveron que ingresar na UCI. No que atinxe á covid, hoxe hai 138 persoas ingresadas con covid nos hospitais galegos e, delas, 9 nas UCI (4 na Coruña, 2 en Vigo, 1 en Ferrol, 1 en Lugo e 1 en Ourense).
Para evitar contaxios, Comesaña animou a que “calquera persoa con síntomas de gripe ou covid que, como na pandemia, utilice máscara ou que faga un test rápido da farmacia” pensando no aumento de reunións sociais durante as festas de Nadal.
Inmunización fronte ao VRS
Respecto á inmunización fronte ao virus respitarorio sincitial, o conselleiro de Sanidade lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en administrarlles aos bebés e aos de risco o anticorpo contra o VRS e "os resultados son moi bos". Así, o 93% dos nenos/as recén nados xa están inmunizados. Ademais, a Dirección Xeral de Saúde Pública realizou unha recaptacións dos cativos nados dende o 1 de abril, dos que o 86% recibiron o anticorpo. Con respecto, a os nenos/as de risco, o 100% participou no proceso.
O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) é o causante da bronquiolitis, unha enfermidade que provocaba ata un millar de hospitalizacións en Galicia. Hoxe este dato descendeu moi considerablemente como se pode comprobar no informe que publica a Consellería de Sanidade semanalmente.