O Sergas asegura que o programa Hermes realizou desde Vilalba 800 actos asistenciais

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou no Parlamento galego que o programa Hermes, posto en marcha na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para a integración entre a atención primaria e a hospitalaria, permitiu resolver desde o centro de saúde de Vilalba máis de 800 actos asistenciais o pasado ano, reforzando deste xeito a capacidade resolutiva do centro de saúde.
O director xeral detallou na Comisión 5ª do Parlamento galego que este programa leva varios anos funcionando cun grao de adecuación alto, contando con vías prioritarias de derivación para todas as especialidades de referencia, consultas non presenciais entre médicos de familia e especialistas e circuítos consensuados para pacientes crónicos, mellorando, deste xeito, a continuidade asistencial e evitando desprazamentos innecesarios.
Tamén dixo Alfredo Silva que, no pasado ano, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, preto de 7.000 pacientes se beneficiaron das vías prioritarias do Hermes, e máis de 21.000 pacientes das consultas non presenciais.
En consecuencia, moitas das consultas que antes obrigaban ao paciente a ir fisicamente ao hospital agora resólvense desde o propio centro de saúde, co apoio directo do especialista, gañando tempo, eficiencia e comodidade para o cidadán.
Na súa intervención, o director xeral tamén remarcou que na última oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde ofertáronse tres prazas de médico de familia para o centro de saúde de Vilalba: dúas delas xa están cubertas e a terceira quedou vacante porque a persoa que resultou adxudicataria optou por continuar noutro centro e, esa praza, será convocada novamente en próximas datas.
O representante de Sanidade incidiu na falta de médicos que está a acontecer en toda España, consecuencia da falta de planificación do Goberno central, que non pon solución a este problema que é da súa competencia.
Mentres o Ministerio de Sanidade non actúa, o Servizo Galego de Saúde está a organizar e planificar co obxectivo de que a cidadanía non quede sen atención, a través de reforzos de profesionais, intersubstitucións ou prolongacións voluntarias de xornada. Isto fai que a demanda asistencial en Vilalba estea cuberta todos os días.
Alfredo Silva detallou que o centro de saúde de Vilalba conta cunha dotación ordinaria de 11 prazas de medicina de familia e, na actualidade, están cubertas de maneira estable máis de sete (quenda de mañá). Ademais, existe outro facultativo que atende as urxencias e demandas derivadas de ausencias, co obxectivo de evitar sobrecargas. A quenda de tarde tamén está cuberta.
Polo que atinxe ao PAC, está totalmente cuberto sen ningunha vacante nin baixa.
Respecto da actividade, durante 2025 realizáronse máis de 76.800 consultas no centro de saúde de Vilalba, unha media de 6.000 ao mes, incluíndo atención domiciliaria.
Servizos especializados
Na súa intervención, o director xeral tamén incidiu nos novos servizos e a ampliación de persoal por parte do Sergas en Vilalba, como a hospitalización a domicilio desde o ano 2021, con 469 pacientes atendidos no pasado ano; a creación dunha nova praza de enfermería en quenda de tarde; a incorporación dunha segunda matrona; e a creación dunha praza de fisioterapeuta. Ademais, disponse periodicamente dos servizos dun nutricionista e dun psicólogo; e púxose en marcha a enfermería de apoio domiciliario que, no pasado ano, atendeu 321 pacientes.
Para rematar a súa intervención, o director xeral de Asistencia Sanitaria dixo que a Xunta seguirá a traballar co obxectivo de estabilizar o cadro de persoal e amosouse convencido de que, coa incorporación dos novos profesionais da oferta de emprego público, se dará un paso decisivo neste sentido.
Así mesmo, incidiu na súa petición ao Ministerio de Sanidade de que poña solución á falta de médicos en determinadas especialidades para poder fortalecer a sanidade pública.