O Sergas cede a Cruz Vermella Vilalba unha sala do centro de saúde para facer actividades
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e o xefe de servizo de Atención Primaria de Vilalba, Isidro Álvarez Chorén, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para a cesión do uso dunha sala no centro de saúde de Vilalba a Cruz Vermella. No acto tamén estivo presente Carlos Cea, responsable comarcal da Cruz Vermella Española en Vilalba.
A cesión desta sala do centro de saúde a Cruz Vermella de Vilalba ten como finalidade realizar actividades comunitarias de prevención e promoción da saúde, vinculadas ao desenvolvemento do Plan Local de Saúde que leva a cabo este centro sanitario.
O Sergas buscar promover todo tipo de actividades destinadas á mellora da saúde e da calidade de vida das persoas. Por este motivo, a área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos colaborará con Cruz Vermella de Vilalba e o centro de saúde desta localidade, cedendo este local para que podan desenvolver programas de acción comunitaria vinculadas ao desenvolvemento do Plan Local de Saúde que leva a cabo o centro de saúde vilalbés, e que busca o empoderamento dos cidadáns e a participación activa no sistema sanitario de entidades, estamentos e outras organizacións da comunidade.
Cruz Vermella de Vilalba ten entre os seus fins promover a participación e a promoción de programas de saúde dirixidos a cidadáns pertencentes aos concellos da área de cobertura do Servizo de Atención Primaria de Vilalba.
Entre as actividades que nos vindeiros meses realizará no centro de saúde de Vilalba esta entidade figuran as seguintes: estimulación cognitiva e arteterapia, alfabetización dixital, educación ambiental, obradoiros de reciclaxe, xornadas e xogos interxeracionais, educación para a saúde, detección e protección fronte ao desenvolvemento de enfermidades cardiovasculares, detección e xestión de recursos para persoas con alzhéimer e párkinson, alimentación e hábitos saudables, primeiros auxilios básicos, andainas saudables, programas de saúde feminina (solo pélvico, menopausia...), entre outras.
Toda estas actividades, vencelladas ao Plan Local de Saúde de Vilalba, desenvolveranse no centro de saúde desta localidade. Por este motivo, o Sergas e Cruz Vermella asinaron este acordo de colaboración polo que o Sergas cede o uso da sala de reunións do centro de saúde de Vilalba a Cruz Vermella.
A entidade destinará dito local á realización de actividades comunitarias, coa fin de facilitar a afluencia de persoas ás mesmas e así fomentar e promover hábitos saudables entre os cidadáns.
O centro de saúde de Vilalba foi un dos 14 primeiros de Galicia en contar un Plan Local de Saúde, que tamén potencia a capacidade resolutiva da enfermaría. Esta experiencia piloto, desenvolvida en Vilalba e noutros 13 centros de saúde máis de Galicia, estendeuse xa a outros centros de Atención Primaria da provincia e de Galicia. Estes Plans Locais de Saúde buscan analizar as necesidades particulares de cada servizo de Atención Primaria para así adaptar a asistencia que prestan ás necesidades específicas dos pacientes de cada un deles, xa que estas non son as mesmas en todos as zonas.
O Servizo de Atención Primaria de Vilalba agrupa centros de saúde de cinco concellos: Vilalba, Xermade, Abadín, Muras e Cospeito, e articula medidas que se poden aplicar en toda a súa área de influencia. Así, en virtude do mesmo, este plan detectou unha prevalencia importante de patoloxías relacionadas coa diabetes ou a hipertensión e unha porcentaxe considerable de pacientes cunha complexidade media ou alta. En consecuencia, o centro desenvolve un modelo de atención personalizada de enfermería a estes pacientes crónicos dos concellos da área de influencia do centro.