O Servizo de Axuda no Fogar de Riotorto atende a 53 maiores
Un total de 53 maiores de Riotorto desfrutan de atención profesional mediante a Teleasistencia e o Servizo de Axuda no Fogar que ofrece a Deputación, cun investimento de 24.000 euros. Son un total de 49 os veciños do Concello que o fan a través Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e outras 4 mediante a teleasistencia, prestación pública totalmente gratuíta e dirixida a todas as persoas ou maiores que sofren algún tipo de limitación en canto á súa autonomía.
Cómpre lembrar que co SAF, o Goberno da Deputación sufraga, nos 66 Concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Lugo, os gastos de persoal do servizo a domicilio, como o acompañamento a citas médicas, entre outras cuestións, que redunden na mellora da atención profesional aos usuarios/as deste servizo.
A Deputada de Benestar Social e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, destacou que “unha das prioridades do Goberno da Deputación é o coidado e atención profesional dos nosos maiores, coa posta en marcha de programacións que buscan garantir o benestar e mellorar a súa calidade de vida, especialmente no ámbito rural. Así, ademais do SAF tamén financiamos o servizo de Teleasistencia, totalmente gratuíto e operativo 24 horas, do que se están a beneficiar 4 maiores no Concello de Riotorto. Facemos todo isto dentro da nosa aposta por ser unha Deputación rural, sumamente social e coas persoas”.
López Izquierdo lembrou este ano o Goberno da Deputación inviste 1,8 millóns de euros para financiar unhas 200.000 horas de atención profesional aos maiores da provincia co Servizo de Axuda no Fogar a persoas que non atende a Xunta de Galicia por non estar catalogadas como dependentes. Mentres que para o servizo de Teleasistencia gratuíta, o Executivo leva destinado no 2018, 115.400 euros que permiten atender a máis de 1.500 maiores.