O servizo de prevención realiza un encontro en liña sobre crisis familiares

A agrupación de concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade, a través do seu servizo de prevención de condutas aditivas, organiza un encontro online dirixido a nais e pais destes municipios para abordar as crises familiares e os primeiros auxilios psicolóxicos. A sesión terá lugar o día 30 de setembro, de 18:00 a 19:30 horas, e desenvolverase a través da plataforma Zoom.
O obradoiro será impartido por Sandra Cabrera, psicopedagoga, mediadora familiar e responsable do programa de Mediación a familias e intervención psicosocial con fillas e fillos en educación primaria e secundaria de UNAF. Durante a actividade abordaranse cuestións como a definición e características dunha crise, os distintos tipos de crises, a comprensión das crises familiares, os modelos de familia, a resiliencia e as ferramentas básicas de primeiros auxilios psicolóxicos.
As persoas interesadas poden inscribirse previamente a través do enlace habilitado para a actividade e dispoñen de máis información no correo prevenciondrogas@rabade.org
ou no teléfono 982 390 062, onde atende María Barreiro. Esta iniciativa busca ofrecer recursos de apoio ás familias para mellorar o afrontamento das dificultades e fortalecer a convivencia.