O Sindicato Labrego Galego solicita información sobre o proxecto de plantas de biogás previsto en Abadín

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e á Deputación Provincial de Lugo información e copia dos informes existentes sobre o proxecto de instalación de plantas de biogás promovidas polas empresas Moeve —antiga Cepsa— e InProEner na parroquia de Quende, no concello de Abadín. A organización agraria tamén pediu formalmente á Consellería que se lle recoñeza como parte interesada no procedemento administrativo.
Segundo a resposta remitida pola Consellería, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recibiu o pasado 5 de agosto de 2025 dúas solicitudes de autorización ambiental integrada e de avaliación de impacto ambiental ordinaria para a construción de dúas plantas de produción de biometano mediante dixestión anaerobia de residuos orgánicos no municipio de Abadín. Na actualidade, estas solicitudes continúan en tramitación e atópanse nunha fase previa á apertura do período de información pública. Ademais, o 20 de novembro de 2025 rexistrouse unha petición de Moeve para modificar a titularidade das instalacións, que pasarían a mans das sociedades Crux Biomethane, SL e Carina Biomethane, SL.
Posteriormente, o sindicato tamén solicitou á Deputación de Lugo copia dos informes emitidos polos servizos de Medio Ambiente da institución provincial relacionados con proxectos industriais que afectan á Reserva da Biosfera Terras do Miño. Entre eles figuran as plantas de biometano previstas en Abadín e o proxecto do parque eólico Cordal-Ousá, xunto coas súas infraestruturas de evacuación, que se proxecta nos concellos de Friol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Castro de Rei. Polo momento, segundo sinala a organización, non recibiron resposta a esta petición.
O Sindicato Labrego Galego participou tamén o pasado 28 de febreiro nunha charla informativa celebrada en Gontán, na que explicou á veciñanza as características destas instalacións e os posibles efectos que poderían ter sobre o medio rural galego.
Desde a organización agraria consideran que Abadín, cun modelo de gandaría baseado en explotacións extensivas e familiares, non precisa este tipo de infraestruturas. Argumentan que o municipio non xera un volume suficiente de residuos de orixe animal para alimentar unha planta de biogás deste tipo, polo que sería necesario transportar xurros e esterco desde outros territorios. Ademais, lembran que este tipo de instalacións tamén utilizan outros materiais orgánicos como restos de matadoiros, residuos da agroindustria, lodos de depuradoras ou materia vexetal.
O sindicato advirte tamén de que estas plantas xeran dixestato como subproduto. Ao seu xuízo, se actualmente xa existen dificultades para xestionar os xurros e estercos, a introdución de novos residuos procedentes doutros territorios podería agravar o problema, xa que durante o proceso de produción non se eliminan elementos como o nitróxeno ou o fósforo.
O SLG critica ademais o modelo que, ao seu entender, responde aos intereses da grande industria enerxética. Recorda que este tipo de proxectos xa se implantaron noutros territorios do Estado, como en Cataluña a comezos dos anos 2000, onde moitas destas instalacións acabaron pechando co paso do tempo.
A organización agraria sostén que o verdadeiro problema da xestión dos residuos gandeiros en Galicia está na escaseza de superficie agraria útil para a súa aplicación. Segundo sinalan, Galicia conta cunha porcentaxe de superficie agraria útil próxima ao 20 %, moi por debaixo da media estatal e europea, que se sitúa arredor do 40 %. Neste contexto, o sindicato cuestiona que a Xunta aposte por grandes proxectos industriais mentres, segundo indican, se rexeitan solicitudes de plans de mellora presentadas por mozos e mozas que queren investir nas súas explotacións.
Finalmente, o Sindicato Labrego Galego asegura que continuará apoiando á veciñanza de Abadín na súa oposición a este proxecto, lembrando que xa participou anteriormente noutras mobilizacións no municipio en defensa do territorio, como a coñecida loita da Fragavella, as protestas contra proxectos mineiros ou a defensa dos montes comunais.