O SLG acusa unha falta de persoal contraincendios en Guitiriz
O Sindicato Labrego Galego asegura nun comunicado que a falta de persoal contra incendios foi a causa de que ardera un trator en Labrada asegurando que "estas deficiencias inaceptables en plena tempada de alto risco por lumes comprometen a seguridade da poboación".
Segundo explican, o pasado luns, 17 de agosto, M.P.P. sufriu un accidente mentres realizaba labores agrícolas nunha finca da parroquia de Labrada (Guitiriz), prendendo lume no tractor que manexaba. En canto empezou o incendio, M.P.P. chamou ao 112, que derivou o aviso ao Concello de Guitiriz, que posúe unha carroceta de bombeiros. Porén, o consistorio guitiricense escusouse da súa obriga de asistir a emerxencia aducindo que non tiñan chofer para o vehículo de extinción de lumes. Ao final, tiveron que acudir os bombeiros de Vilalba, pero o seu camión non puido acceder á zona do incendio, polo que tiveron que pedir a colaboración da veciñanza e utilizar outro tractor cunha cisterna cargada de auga para extinguir as lapas, pero cando se puxeron cos labores de extinción xa non había nada que facer.
Para o Sindicato Labrego Galego, o normal, "tanto pola curta distancia como polas posibilidades de acceso, tería sido que prestase asistencia a carroceta de bombeiros do Concello de Guitiriz. Non é de recibo que en pleno mes de agosto, coa tempada de alto risco de incendios aínda vixente, e nun municipio catalogado como zona de alto risco para os lumes, os medios de extinción municipais estean paralizados por falta de persoal. Preguntámonos que tería acontecido se, en vez dun tractor, ardese unha vivenda con persoas dentro".