O SLG aplaude a bonificación do IBI para as explotacións agrarias vilalbesas

TerraChaXa
O Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistraba o 3 de xullo do ano 2015 no Concello de Vilalba a petición de modificación da ordenanza fiscal do IBI para mitigar o grave impacto que o procedemento de regularización catastral ía ter na economía das familias labregas do concello.
Charla informativa do SLG sobre o catastrazo
28 Nov 2017

O Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistraba o 3 de xullo do ano 2015 no Concello de Vilalba a petición de modificación da ordenanza fiscal do IBI para mitigar o grave impacto que o procedemento de regularización catastral ía ter na economía das familias labregas do concello.

A partir dese momento a organización sindical ten levado a cabo unha intensa campaña informativa con xuntanzas veciñais e de contacto con representantes municipais que "empezan a dar os seus froitos"; xa que "dous anos despois no Concello de Vilalba esta petición foi atendida e xa se pode solicitar a bonificación que consiste nunha redución do 90% da cota íntegra do imposto para aqueles inmobles de natureza urbana ou rústica nos que se desenvolvan total e exclusivamente actividades gandeiras ou agrarias pertencentes ao sector primario". Esta modificación foi aprobada no pleno do 31 de xullo do 2017.

O SLG informa de que para poder gozar desta bonificación o titular do ben polo que se paga a contribución deberá de ser necesariamente o titular da explotación, debendo xustificar a súa existencia e, en todo caso, achegar un certificado de facenda no que conste a situación censal do solicitante, acreditación da titularidade catastral do inmoble e certificado de non ter débedas coa Facenda estatal, autonómica e local, nin coa Seguridade Social.

Tamén se podería aplicar dita bonificación a outras actividades económicas, que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego sempre e cando se xustifiquen tales circunstancias. Con todo, esta declaración corresponderá ao Pleno da Corporación.

O Sindicato Labrego Galego valoran positivamente esta adaptación da normativa á situación económica das explotacións vilalbesas; polo que veñen de solicitar que, por parte do Concello, "se informe á veciñanza para dar a coñecer esta bonificación e que así, as persoas interesadas, poidan realizar a solicitude antes de finais de ano para que se lles aplique no vindeiro ano 2018".

Así mesmo, tamén solicitan que "se aplique a bonificación aínda que o titular do IBI non coincida co titular da explotacións agraria, sempre que estas construcións sexan utilizadas co fin agrogandeiro no ámbito da explotación familiar. É moi habitual que nas explotacións traballen varias persoas e solo unha sexa a titular desta, non tendo que coincidir necesariamente a titularidade da explotación co titular dos inmobles nos que se desenvolve a actividade, ou que as titulares das granxas non sexan as titulares do IBI por estar a nome de ascendentes ou familiares".

Bonificacións noutros concellos
"Despois de ter rematado o procedemento de regularización catastral en practicamente todos os concellos, na maioría non se teñen aprobado ningunha bonificación para construccións agrarias". Por iso, o SLG fai un novo chamamento "a todos os concellos da Terra Cha para que sexan sensibles coa situación económica de moitas familias labregas do rural e adopten medidas que diminúan a carga impositiva das nosas granxas".

A organización agraria ponse a disposición dos interesados e interesadas para consultar calquera información ou realizar a tramitación das bonificacións nas súas oficinas.

0.20969486236572