O SLG celebra a anulación da concesión da Xunta para a mina de feldespato de Muras

TerraChaXa
“Queremos parabenizar por este éxito ao Concello, á veciñanza organizada e ás asociacións ambientalistas que interpuxeron contenciosos para botar abaixo a autorización da Xunta"
Veciñanza-SLG-Mura-mina
21 sep 2024

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebra a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulando a concesión da Xunta para o desenvolvemento da mina de feldespato San Acisclo número 4076, situada no termo municipal de Muras e promovida por Materiales Cerámicos Materias Primas SL.

"Se cadra nos vindeiros días volvemos abochornarnos vendo á conselleira de medioambiente e cambio climático, Ángeles Vázquez, índose laiar a Bruxelas de que os tribunais galegos insisten en facer cumprir a normativa medioambiental e de participación cidadá vixente en lugar de darlle para adiante todo canto proxecto industrial presentan os clústers empresariais, como recentemente presenciamos con respecto aos polígonos eólicos, sector onde a propia anterior conselleira de medioambiente do PPdG, Beatriz Mato ten intereses económicos".

“Queremos parabenizar por este éxito ao Concello, á veciñanza organizada e ás asociacións ambientalistas que interpuxeron contenciosos para botar abaixo a autorización da Xunta. É moi importante que valoremos e non esquezamos que a loita social na defensa da terra si que dá resultados. Vémolo con esta mina que se parou grazas ao traballo en rede da cidadanía, pero tamén por exemplo ca paralización da mina de coltán da Penouta (Ourense), a de cuarzo que a empresa ERIMSA quería explotar na Terra Chá ou na importante cantidade de sentenzas que están a facer fronte á invasión de polígonos industriais eólicos”, salienta Margarida Prieto Ledo, do SLG na Terra Chá e coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego.

“Nos vindeiros días imos solicitar novamente á Xunta de Galicia a declaración de caducidade das concesións e instar ao concello de Muras a que faga o propio. Agardamos que despois desta sentenza, que entre outras cousas evidencia o desleixo da administración galega no tocante a protexer á poboación dos impactos destes proxectos industriais extractivos, a Xunta tome nota e declare as caducidades. Foron anos de loita, en rede, apoiándonos entre varias organizacións e sumando forza para defender o noso dereito a habitar nun medio rural con actividades produtivas que xeren vida, como fan as pequenas e medianas granxas produtoras de alimentos, fronte á explotación salvaxe de recursos naturais que pretenden facer empresas como esta en connivencia con certas administracións públicas. Esta vitoria dános azos para seguir loitando na defensa do territorio, da auga, do futuro, en definitiva: da Vida”, reafirma Margarida Prieto.

0.14923095703125