O SLG celebrou en Vilalba os seus 50 anos cun xantar e un percorrido histórico

TerraChaXa
O Hostal Restaurante Terra Chá de Vilalba, testemuña de innumerables asembleas e actos do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), foi o lugar escollido tamén para a realización do acto de celebración do 50 aniversario do Sindicato Labrego Galego (1973-2023) organizado pola comarca.
12 Dec 2023

O Hostal Restaurante Terra Chá de Vilalba, testemuña de innumerables asembleas e actos do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), foi o lugar escollido tamén para a realización do acto de celebración do 50 aniversario do Sindicato Labrego Galego (1973-2023) organizado pola comarca.

Nesta emocionante xornada, que deu inicio ás 12.30 e finalizou cun xantar, máis de medio cento de persoas vinculadas ao Sindicato Labrego Galego partillaron lembranzas e análises arredor destes 50 anos de loita sindical agraria.

Esta multitudinaria xuntanza contou ca participación do primeiro Secretario Xeral do Sindicato Labrego, Bernaldo Fernández Requeijo, nado na parroquia de Romariz (Abadín); a actual Secretaria Xeral Isabel Vilalba Seivane; o integrante da Executiva Nacional Brais Álvarez e cadros sindicais que desenvolveron importante traballo na comarca ao longo destas décadas, como Xabier Gómez Santiso (Puchi) ou Xosé Ramón Cendán (Pepe Ramón), sendo o acto introducido por Margarida Prieto, coordinadora do SLG-CCLL na Terra Chá.

“Eu, despois de tantos anos nesta organización, non podo máis que darvos as grazas a todas as persoas afiliadas, colaboradoras, amigas do Sindicato, por facer posible que hoxe esteamos aquí, celebrando os 50 anos dunha organización que defende outro modelo agrario, económico e social, por facer posible estes 50 anos defendendo a vida. Unha organización que nunca se pregou diante dos poderosos, nin diante das prevendas, que sempre estivo o carón da xente e da xustiza”, agradeceu Margarida Prieto.

Unha exposición integrada por 74 paneis cunha compilación de arredor de 300 imaxes históricas visibilizou algúns dos momentos máis significativos das cinco décadas de actividade sindical do SLG-CCL, así como dende a apertura do local comarcal a principios da década dos 90 do século pasado, fotografías nas que moitas das persoas asistentes se viron representadas.

0.19278287887573