O SLG critica as novas axudas da Consellería do Medio Rural de modernización e mellora de granxas

O pasado mércores 25 de xullo, o Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 120) publicou a ORDE do 11 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á modernización e mellora das granxas agrarias das persoas agricultoras mozas, así como a ORDE destinada ás persoas agricultoras mozas, ambas no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
O prazo para solicitar ambas axudas remata o vindeiro 28 de xullo, pero desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) critican duramente unhas bases que, segundo denuncian, "non benefician en absoluto ás labregas e aos labregos de Galiza".
“Moi poucas granxas no país van poder pedir os plans de mellora, porque para poder pedilo precísase ter aprobado un expediente de incorporación o ano pasado ou este ano solicitar unha incorporación. É dicir, unha granxa que non teña persoas mozas incorporadas o ano pasado ou este, non pode pedir plan de mellora. Unha granxa dun rapaz de 37 anos que leve 10 anos incorporado e que polo que sexa precisa renovar ou mellorar, non vai poder solicitar a mellora porque non ten a quen incorporar”, explica Brais Álvarez, responsábel da Secretaría da Mocidade no SLG, integrante da Executiva da organización e apicultor.
Consideran que a situación é preocupante porque o 70% das persoas titulares de granxas xubilaranse nos vindeiros anos e a previsión é que as incorporacións non cubran nin o 5% dos abandonos. "Lonxe de actuar ante esta realidade, a Consellería mantén unha dotación orzamentaria insuficiente, o que provoca que moitas máis explotacións queden fóra das axudas que as que acceden a elas: en 2024, 434 expedientes foron denegados fronte a 180 aprobados".
“O papel das axudas deberían ser a prol da continuación das axudas e para fomentar o relevo xeracional pero dende a Consellería do Medio Rural (CMR) non se dota de presupostos suficientes, até tal punto que non se dan nin cuberto as propias necesidades da xente que hai dentro do sector. Como pretendemos incorporar máis labregas e labregos así no sector?”, cuestiona Álvarez.
O SLG denuncia tamén a supresión de liñas clave como os plans de mellora para pequenas granxas e os plans de mitigación para o cambio climático, que desaparecen como liña propia.
“O ano pasado sacaron plans de mellora para pequenas granxas, tamén ante as novas esixencias medioambientais sacaron unha liña concreta para plans de mitigación para o cambio climático. Ambas liñas desaparecen este ano e a maiores as solicitudes de cisternas, fosas de xurro etc van entrar na mesma liña que os plans de mellora co cal as solicitudes aprobadas poden verse reducidas”.
Explican que outro golpe para o rural é a supresión da axuda de incorporación para persoas maiores de 40 anos até os 55, que a CMR presentara como unha novidade positiva en 2024.
“Había unha ilusión no sector, moita xente que por circunstancias da vida non se puido incorporar antes pero que agora si que tiña as condicións e viu nesta axuda unha oportunidade. Así mesmo o que non ten sentido e que exclúan dos plans de mellora os expedientes de incorporacións de máis de 40 anos aprobados o ano pasado. Viuse que había demanda, pero ábrena un ano e ao seguinte péchala!”, lamenta o representante da mocidade do SLG.
Desde a organización labrega tamén alertan dunha mala planificación que está a crear desigualdades crecente entre granxas.
“Coa mala planificación do ano pasado estamos vendo granxas moi subvencionadas e outras que non percibiron un euro”, sinala Álvarez. “Esa granxa que está competindo en desigualdade agora tampouco pode pedir un plan de mellora ao ano seguinte, é dicir, que se está perpetuando esa desigualdade entre granxas. Hai un desánimo xeral entre a xente que ten entre 35 e 45 anos, xente que lle queda media vida no sector, porque non pode facer as melloras que necesita”.
O Sindicato Labrego Galego esixe un cambio radical na planificación e na dotación orzamentaria destas axudas, así como medidas reais para garantir o relevo xeracional e un medio rural vivo, sostíbel e con futuro.