O SLG denuncia prazos imposibles nas axudas pola fauna salvaxe
O pasado xoves, 30 de novembro, comezáronse a recibir as primeiras resolucións de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. Esta semana é previsible que moitas persoas beneficiarias destas subvencións sigan recibindo aínda resolucións.
O problema xorde co prazo para xustificar estas axudas que remata o 11 de decembro. Iso quere dicir que, "se tiveches a sorte de recibir a resolución o 30 de novembro, quedarache menos dunha semana para poder atopar, mercar, pagar, identificar e certificar o gasto subvencionado, xa que teremos polo medio dúas fins de semana e dous días festivos a maiores".
Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) explican que "quen solicitamos as axudas, sabemos que mercar un mastín, un pastor eléctrico ou peche perimetral non é tan doado: na primeira opción, o animal debe estar identificado e ter certificado veterinario; e, en todos os casos, tes que ter a sorte de que haxa existencias suficientes para poder cubrir a túa demanda no prazo esixido".
Dado que o ano pasado, a Consellaría de Medio Ambiente enviou tamén as resolucións con moi escasa marxe para cumprir cos gastos subvencionados, atraso motivado en gran parte polas súas deficiencias no proceso de tramitación, dende o Sindicato Labrego Galego sospeitamos que se trata dunha práctica consciente para aforrar cartos por parte dunha Consellaría extremadamente avara á hora de investir en solucionar a gravísima problemática da convivencia entre as actividades agrogandeiras e a fauna salvaxe.
En efecto, aos atrancos para poder optar a estas subvencións, únense feitos como a tardanza en cobrar indemnizacións cando sofres ataques -ao redor de dous anos-; unha escasa contía de cartos que non cobren nin de lonxe os danos sufridos en ningún caso; ou un monte de burocracia e requisitos que te deixan, decotío, sen o dereito a percibir esa axuda económica e que fai que moitas granxas, diante de ataques, non pasen xa o traballo de solicitar indemnizacións.
"Por se non abondase, neste ano 2017, a Xunta non convocou as axudas para compensar os danos causados por xabarís nas explotacións agrarias polo que, a estas alturas, o más probable é que non o faga".
O resultado é que a problemática da convivencia entre a fauna salvaxe e as actividades agrogandeiras agrávase día a día, facendo inviable a profesión labrega en amplas zonas do noso territorio e constatando a carencia de políticas e o fracaso das consellarías de Medio Rural e Medio ambiente á hora de enfrontar este problema.
Por iso, dende o SLG volven pedir que, "de maneira inmediata, a Consellaría de Medio Ambiente amplíe o prazo para poder xustificar estas axudas e que, a medio prazo, sente falar cos axentes do sector para acordar políticas serias e realistas de cara a xestionar un problema como o da fauna salvaxe que, xa hai tempo, se lle foi das mans".