O SLG entrega en Xermade 248 alegacións contra o proxecto eólico do Santuario

TerraChaXa
O SLG vén de facer a primeira entrega de alegacións contra o proxecto eólico Santuario, cun total de 248 no Concello de Xermade.
parque eolico
5 sep 2021

O Sindicato Labrego Galego vén de facer a primeira entrega de alegacións contra o proxecto eólico Santuario, cun total de 248 no Concello de Xermade. Esta acción complementa á actuación realizada días atrás coa entrega de escritas na Deputación Provincial de Lugo e no Ministerio para a Transición Ecolóxica, demandando a actuación do Consello Científico, órgano asesor do Comité Español do Programa MaB da UNESCO, ante as "posíbeis afeccións á conservación de superficies de hábitats de Rede Natura e aos valores da Reserva da Biosfera Terras do Miño" dos parques eólicos Santuario e Mistral e das correspondentes infraestruturas de evacuación.

O Sindicato Labrego Galegao relizou xa varias accións para mostrar a súa disconformidade coa construción de dous parques eólicos en terras da Reserva da Biosfera. Trátase de dous proxectos que de se concretar virían instalar 58 aeroxeradores de entre 180 e 200 metros de altura nos montes da Serra da Loba, nas estremas occidentais da Terra Chá, e mesmo ao pé -nomeadamente o PE Mistra'- da zona protexida polo Parque Natural das Fragas do Eume. Os proxectos ocuparían terras nos concellos de Guitiriz, Xermade e Vilalba, que fan parte da Reserva Terras do Miño.  Ademáis, unha nova liña de alta tensión atravesaría As Pontes dende a subestación do proxecto PE Santuario até a Central Térmica.

Diante destes “novos proxectos de espolio”, que teñen en trámite de información pública os estudos de impacto ambiental e autorizacións administrativas previas para cada un deles, o SLG solicita a intervención do Consello Científico do Comité Español do MaB.

Así, ademais da accións pertinentes membros do Sindicato fixeron a primeira entrega de alegacións contra o proxecto eólico Santuario, fixose en Xermade, onde se entregaron as primeiras 248 pertencentes a afectados de varios concellos.

Membros do sindicato están a visitar a zona e facer reunións cos veciños para axudalos a presentar as súas algacións. Aseguran que nos proximos dias continuarán con este proceso de recollida. Os sindicatos afirman, que ademais das entregadas por eles, os veciños e veciñas dos tres concellos afectados están presentado tamén as propias sen intermediarios. De feito, mesmo no Concello de Guitiriz preparouse unha oficina que funciona estes días con esta finalidade.

“Achamos que a protección dun territorio catalogado como Reserva da Biosfera é totalmente incompatíbel con este tipo de instalacións, representantes dun modelo tremendamente agresivo co medio ambiente e coa actividade agraria sustentábel e pegada ao territorio. O SLG, que forma parte do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, vai intervir en todos os planos posíbeis para exixir que as autoridades competentes non permitan, baixo ningún concepto, a execución destes proxectos”, explican dende o SLG.

“A demanda de actuacións vén de se facer constar, dunha banda, ao Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, composto polo goberno da Deputación Provincial de Lugo, pois a Reserva conta con representación no Comité do MaB. Doutra banda, o SLG diríxese ao Organismo Autónomo Parques Nacionales, responsábel pola coordenación e desenvolvemento no estado español do programa MaB en que se atopa inserido o Consello Científico ao que se demanda unha avaliación das ameazas”, conclúen.

0.058142900466919