O SLG participará na manifestación estatal convocada para o luns 26 en Madrid

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Habilitará autobuses para asistir á manifestación.
tractorada_20f8
24 Feb 2024

Habilitará autobuses para asistir á manifestación. As reservas realízanse contactando cos locais do Sindicato Labrego.

Como continuidade das mobilizacións unitarias desenvolvidas o pasado martes 20 de febreiro con presenza de tractores en Lugo, Ourense, Lalín, Compostela, A Coruña, Ortigueira, Vimianzo, A Gudiña e Pedrafita, este luns, 26 de febreiro, o Sindicato Labrego Galego participará na grande manifestación convocada en Madrid con motivo da xuntanza do Consello de Ministros da UE, con saída ás 11.00 horas desde o Ministerio de Agricultura (Praza de Carlos V) e chegada á oficina da Comisión Europea (Paseo de La Castellana, 46).

O Sindicato Labrego habilitará autobuses para desprazarse a esta mobilización, para o que as persoas interesadas -afiliadas e non afiliadas- poderán facer a reserva de prazas contactando con calquera dos locais do SLG-CCLL.

"Dende o SLG-CCLL vimos demandando dende hai tempo ás administracións públicas a nivel galego, estatal e europeo a activación urxente de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio, a potenciación dos circuítos curtos de comercialización e o cumprimento da Lei da Cadea, entre outras accións", explican.

Así, por exemplo, o pasado 14 de febreiro, a través dun acto público aberto á cidadanía na Praza do Toural (Santiago de Compostela), dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trasladaron ás formacións políticas as propostas a desenvolver "para garantir unha alimentación sa e de calidade para as persoas e o medio ambiente, consolidando no noso país un modelo agroecolóxico de produción arroupado e protexido por un medio rural vivo, no camiño á nosa soberanía alimentaria".

Na mobilización que terá lugar o luns 26 de febreiro reiteran as demandas recollidas na táboa reivindicativa común elaborada polas organizacións agrarias galegas, composta dos dez puntos:

1- Prezos xustos para os nosos produtos. Eliminación da especulación, e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e dos produtores, e mecanismos para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.

2- Rexeitamento dos tratados de libre comercio (Mercosur), que poñan en perigo as nosas producións, e priorizar as nosas producións fronte a terceiros países que comercializan coa UE.

3- Eliminar a burocratización que nos asfixia:

  • Caderno Dixital
  • Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas
  • Decreto de Fertilización Sostible de solos

4- Adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas, pagos en función das persoas activas e non pola superficie.

5- Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.

6- Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, e apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles. Maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector, para unha maior sostenibilidade nas explotacións.

7- Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuítos curtos.

8- Mantemento da redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.

9- Remuneración dos danos de fauna salvaxe (xabarín, lobo...), e do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben ser minimizadas.

10- Creación da figura da persoa mediadora na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13081908226013