O SLG pide a exención de impostos para os cambios de titularidade entre familiares sen ánimo de lucro

TerraChaXa
Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada por María Ferreiro e Xosé Ramón Cendán -membro e asesor da Executiva do SLG, respectivamente- mantiveron na Coruña, un encontro co director da Área de Agricultura da Delegación do Goberno, José Álvarez Robledo, para tratar a problemática dos impostos que se lles están a aplicar aos cambios de titularidade en explotacións.
27 Out 2017

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada por María Ferreiro e Xosé Ramón Cendán -membro e asesor da Executiva do SLG, respectivamente- mantiveron na Coruña, un encontro co director da Área de Agricultura da Delegación do Goberno, José Álvarez Robledo, para tratar a problemática dos impostos que se lles están a aplicar aos cambios de titularidade en explotacións.

Cendán e Ferreiro explicáronlle a Robledo que están a chegar, de maneira xeneralizada, requerimentos da Axencia Tributaria para cobrar impostos sobre os dereitos de pagamento básico da PAC en casos de cambio de titularidade das granxas ao consideralo unha ganancia patrimonial. Estamos a falar dunha taxa impositiva mínima do 15% ou superior sobre o valor estipulado dese pagamento básico que se lle cobra ao titular orixinal dos dereitos ao considerar Facenda que foron unha venda.

Dende o Sindicato Labrego Galego constatamos que están a chegar requerimentos sobre transmisións de explotacións que se fixeron nos anos 2012 e 2013. De primeiras, a Axencia Tributaria solicita ao anterior titular a documentación que acredite o cambio de titularidade deses dereitos de pagamento único. Unha vez enviados os documentos, vén unha liquidación provisional imputando o imposto a esa transacción.

O problema é que moitas desas transaccións de granxas non son vendas, realmente, xa que corresponden a un simple cambio de titularidade de pais e nais a fillos e fillas, ou entre cónxuxes, polo que non hai ningún tipo de beneficio ou ingreso na operación. Por exemplo, temos o caso dunha nai que lle pasou a titularidade da explotación ao fillo e agora Facenda lle reclama 1.500 euros de impostos por esta transmisión. O celo da Axencia Tributaria chega a casos surrealistas, como cobrarlle este imposto a unha transmisión de titularidade entre cónxuxes que están en réxime de gananciais, o que significa que a explotación e os dereitos da PAC son propiedade de ambos a partes iguais e seguen a selo tralo cambio de titularidade.

Para o Sindicato Labrego Galego, este tipo de transmisións de titularidade sen ánimo de lucro entre familiares non deben tributar impostos, xa que non son operacións comerciais que leven aparellado un beneficio ou un ingreso real de cartos e, case sempre, estamos a falar dun simple cambio de titularidade no seo dunha familia na que todos e todas traballan na granxa. Evidentemente, non nos opoñemos a que Facenda esixa tributos de operacións de compravenda de granxas nas que hai un beneficio ou ingresos ao haber tamén unha transacción comercial, pero os casos que denunciamos non corresponden a este tipo de accións.

A inxustiza de cobrar impostos ás primas de incorporación
Outra cuestión que abordamos con Robledo foi a excesiva fiscalidade que a Axencia Tributaria imputa ás primas de incorporación -os impostos poden chegar a un terzo do importe da axuda- e a enorme carga burocrática que supoñen. Na xuntanza, expuxemos casos concretos como o de mozos e mozas a quen se lles concedeu unha prima de incorporación de 22.000 € que, ao ser considerada ganancia patrimonial, tivo que tributar entre 5.000 e 6.000 €. A isto, engádese o agravante de que Facenda cóbrache eses impostos no ano da concesión, cando o ingreso efectivo da prima é no seguinte ano.

Este problema xa tivemos ocasión de expoñerllo a Imelda Capote, delegada especial da Axencia Tributaria en Galiza, o ano pasado; e expuxémosllo agora a José Álvarez Robledo. En ambos casos, dende o Sindicato Labrego Galego demandamos que as axudas de incorporación fiquen exentas de tributar impostos, xa que fiscalizalas atenta contra o seu espírito de apoiar a incorporación de xente moza e créalles dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez. E como medida transitoria, mentres non se regule esa exención, pedimos que se unifique o criterio de prorratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos obrigatorios do período de instalación, tal e como xa fan algunhas administracións.

0.12794303894043