O SLG recibe a visita da labrega hondureña Nancy Escalante no marco do proxecto Mulleres Bravas

TerraChaXa
Durante a xornada de onte coñeceu a realidade das produtoras de alimentos na comarca da Mariña e da Terra Chá
visita-nancy-estruga
23 Out 2024

Até o 11 de novembro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acolle a Nancy Yaneth Escalante no marco do proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, desenvolvido por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras en colaboración con Agareso.

Esta iniciativa busca, da man de mulleres activistas e defensoras da vida e da terra hondureñas e galegas, dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos extractivistas en Honduras e Galicia e ofrecer alternativas sustentables para acadar outros camiños de produción e consumo.

Ademais de desenvolver un importante labor de produción e dinamización da agricultura ecolóxica, Nancy Yaneth Escalante é tamén secretaria da Caja Rural Unión y Esfuerzo e da Reserva Estratégica Comunitaria de Granos Básicos y Semillas, promotora legal comunitaria, delegada municipal para a atención e prevención da violencia de xénero e lideresa do grupo de protección ambiental Comité de Defensa de la Naturaleza.

Fai apenas uns días ofreceu unha charla sobre algunhas das súas experiencias durante o segundo encontro do movemento estatal Plantámonos/Nos Plantamos, celebrado en Allariz.

Precisamente dende Allariz saíu canda a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, para coñecer a realidade das produtoras de alimentos na comarca da Mariña e da Terra Chá.

Acompañada pola coordinadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto Ledo, así como pola propia Secretaria Xeral Isabel Vilalba e labregas da comarca, Nancy visitou o mercado da Estruga (Vilalba), as queixerías Cristina Román e Queixería Don Gabino e á apicultora María del Mar Trastoi de Mel Mar de Bon (San Simón).

Pola tarde partiu nunha ruta por zonas onde houbo intentos de implantar proxectos mineiros, nomeadamente Cospeito -coa extracción de seixo pola empresa Erimsa- e Labrada de Abadín -proxecto de granito de Ingemarga-, así como outras invadidas por polígonos industriais eólicos. Nestes días tamén manterá xuntanzas con colectivos feministas e de defensa do monte, e coñecerá mercados de venda directa de produtos labregos.

0.18701887130737