O SLG reclama melloras administrativas para familias vulnerables

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O SLG solicita a priorización de tódalas familias “de especial consideración” na adxudicación de servizos de tempo libre
coronavirus familia papel dibujo
17 Aug 2022

Piden a priorización de tódalas familias de especial consideración na adxudicación de servizos de tempo libre.

Margarida Prieto Ledo, vogal no Consello Galego de Benestar Social da Xunta de Galicia en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), vén de dirixirse a este órgano para solicitar que todas as familias tipificadas como de especial consideración segundo o Artigo 9 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de Apoio á familia e á convivencia de Galicia, teñan prioridade nas distintas quendas da Orde establecida ao abeiro do disposto no mesmo, que regula o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Politica Social (código de procedemento BS419A).

A convocatoria do presente ano 2022 limita a priorización no acceso a este servizo ás familias numerosas, monoparentais, acolledoras e vítimas de violencia de xénero; excluíndo polo tanto aquelas familias con persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas dependentes ao cargo, así como as familias en situación de especial vulnerabilidade económica.

O SLG-CCLL chama a atención na súa reclamación sobre a pertinencia de respectar o recoñecemento do trato preferente no acceso de todos estes colectivos aplicado a servizos proporcionados -entre outros- no ámbito do lecer, tempo libre e cultura, mediante bonificacións para o acceso aos servizos, recursos e programas, tal e como recolle o Artigo 18 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

“Entendemos e compartimos que se lle dea prioridade aos colectivos que se contempla na norma, é dicir, ás familias numerosas, monoparentais, acolledoras e vítimas de violencia de xénero; pero entendemos que o resto das familias consideradas de especial protección no Artigo 18 deben figurar tamén entre as que teñan prioridade, e que non deberían concorrer ás prazas coas familias xerais por orde de rexistro de solicitude. Trasladamos esta petición de cara a que se poda contemplar esta modificación en futuras convocatorias”, explicou Margarida Prieto.

Na convocatoria deste ano, por exemplo, as familias das crianzas con diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido concorren por orde de rexistro, sen que a Administración teña en conta unha cuestión tan básica como que precisamente trátanse de unidades familiares que habitualmente teñen máis dificultades para realizar procesos administrativos, polo que dificilmente presentarán as súas solicitudes ca celeridade requerida para conseguir praza.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18345808982849