O socialista Caballero atribuíulle ao PSOE o avance na Autovía da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
17 Out 2019

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo en Lugo para presentar a candidatura socialista pola provincia ás vindeiras eleccións xerais xunto coa alcaldesa, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé. Así, o máximo dirixente do PSdeG puxo en valor o impulso ás infraestruturas tanto na cidade como en toda a provincia, como o tramo Arzúa-Lavacolla da A-54 entre Lugo e Santiago ou o avance na Autovía da Mariña (A-74), que superou o trámite de información pública cunha licitación de 240 millóns de euros.

O líder dos socialistas galegos puxo en valor as inversións feitas polo goberno de Pedro Sánchez nesta provincia para “desfacer o mundo das mentiras no que vive o PP de Lugo”. Sinalou que “todos os grandes proxectos de Lugo están en marcha con Pedro Sánchez”, mentres “o PP de Lugo non fixo máis que entorpecer os avances desta provincia”.

“Para que Lugo progrese, necesitamos un goberno socialista forte en España”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que “a Lugo vaille ben cando gobernamos os socialistas” mentres que “o PP é sinónimo de retroceso e de regreso ao pasado, de incumprimentos con Lugo e de falla de compromiso con esta provincia”.

Sinalou tamén a licitación para a renovación total da catenaria no tramo Monforte-Ourense, a adxudicación dos prototipos antiniebla para a A-8, o investimento de 1,2 millóns para a renovación das oficinas de emprego, a adxudicación de 1,1 millóns para a rede ferroviaria na vía Monforte-Ourense, a consignación de 800.000 euros para a redacción do proxecto de estación de tren e aparcamento en Lugo, ou a licitación do novo Centro de Seguridade Social de Viveiro.

En paralelo, Gonzalo Caballero sinalou que a día de hoxe está a intermodal “en marcha”, está prevista a reparación de dous viadutos na A-6, o Adif adxudicou en setembro obras de mellora de tres pontes na conexión con Ourense, e está previsto o proxecto de saneamento e depuración de Sarria. Tamén están en marcha o proxecto de saneamento urbano de Monforte e a reforma interior dos cuarteis de Vilalba e A Fonsagrada.

E, xunto con estes compromisos con Lugo plasmados en obras, o secretario xeral do PSdeG lembrou os 116.000 pensionistas lugueses e luguesas que verán incrementadas as súas pensións ou os 2.000 lugueses beneficiados polo novo permiso de paternidade. Sinalou que “o goberno en funcións é o que garante que as pensións volvan subir co IPC, ao 1,1 por cento, para actualizar as pensións de cara a 2020, mentres “Feijóo aplaudía cando Rajoy dicía que as pensións só podían subir un 0,25”.

Ao fío disto, o xefe de filas do PSdeG advertiu que o próximo 10 de novembro “está en xogo o modelo de país” e, fronte aos socialistas, só está a “coalición das tres dereitas dirixida ideoloxicamente por Vox e Abascal”. “Supoñen un risco de involución para o país e poñen en cuestión o dereito ao aborto, a loita contra a violencia machista, o dereito a unha morte digna e avances sociais importantísimos”, explicou.

Así é que o líder dos socialistas galegos fixo un chamamento á mobilización “porque nos xogamos moito o 10 de novembro”, e engadiu que “todos os votos progresistas que queiran frear ás tres dereitas teñen nas papeletas do PSOE o voto útil para que Lugo progrese e avance”. Reivindicou así o apoio ás “magníficas candidaturas” socialistas ao Congreso e ao Senado e “ao aval do feito polo Goberno socialista”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, solicitou o apoio para acadar un “goberno estable, un goberno forte, que tome decisións, que non faga como fixo o PP, que mirou para outro lado cando tipo responsabilidades de goberno”.

Méndez dixo que o goberno de Pedro Sánchez “demostrou neste ano que é posible tomar decisións, ter un crecemento económico sen gravar ás persoas máis débiles da sociedade, senón todo o contrario, mirando por eles e axudando a saír da situación de debilidade ás persoas con menos recursos ou con máis dificultades”.

A alcaldesa da cidade chamou a “saír fortalecidos” dos comicios, cun resultado que permita “non só chegar a gobernar, senón ter unha estabilidade que permita tomar decisións, que permita adoptar accións e directrices políticas que axuden a seguir crecendo como o estamos a facer”.

0.17008495330811