O subdelegado do Goberno defende a Constitución do 78 como garante dun marco de estabilidade e convivencia
O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, presidiu o acto conmemorativo do 39º aniversario da Constitución Española, que se celebrou este mediodía na sede da institución en Lugo. No transcurso do mesmo, procedeuse á entrega de catro condecoracións pertencentes ás ordes do Mérito Civil e de Protección Civil, que outorgan os ministerios de Asuntos Exteriores e Cooperación e o de Interior, a membros da Policía Nacional e da Garda Civil destinados na provincia de Lugo:
▪ Encomenda de Número da Orde do Mérito Civil:
-Antonio Villamarín Rielo. Comisario xefe provincial da Policía Nacional
▪ Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil:
-Hugo Saavedra Díaz. Inspector, xefe do Grupo Operativo de Resposta da Comisaría da Policía Nacional en Lugo
▪ Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil:
-José María Rico Rois. Comandante da Garda Civil en Lugo
▪ Medalla ao Mérito da Protección Civil, categoría bronce con distintivo azul:
-José Javier Vieira Fernández. Garda civil destinado en Rábade
Un pacto de convivencia
O subdelegado do Goberno ensalzou no seu discurso o papel da Constitución de 1978 como garante dos dereitos e liberdades dos cidadáns. Lembrou que a aprobación en referendo da Carta Magna supuxo o inicio da convivencia democrática no noso país, “un triunfo colectivo ao que non podemos nin debemos renunciar”.
Ramón Carballo non obviou que nestas preto de catro décadas de vixencia do texto constitucional xurdiron novos desafíos na nosa realidade social, principalmente “a expansión do terrorismo, o auxe de ideoloxías totalitarias ou os embites de quenes menosprezan o pacto de consenso que no seu día acadamos os españois”. Fronte ao recente ataque á Carta Magna, “o maior vivido na súa historia, o representante do Goberno amosouse partidario de ver as particularidades dos territorios como un elemento de riqueza e non de confrontación, e defendeu que “a Constitución debe prevalecer sobre calquera quebra da convivencia en democracia, que foi, é, e será a base da nosa vida en liberdade e fundamento do noso progreso”. “Nada hai de heroico na desobediencia e o desprezo ao noso pacto de convivencia e ás leis”, insistiu.
A Constitución do 78, tal e como lembrou tamén na intervención, foi redactada sobre o consenso e o acordo das forzas políticas, polo que reivindicou o labor dos pais da Constitución, “homes de Estado que souberon aparcar as súas diferenzas polo ben de España”. Ademais, dixo, dotaron ao texto dunha “clara vocación de permanencia, manifesta na súa capacidade para defenderse e para adaptarse aos cambios”. Neste senso, e ao respecto dunha posible reforma constitucional, o subdelegado fixo un chamamento á responsabilidade de todos para que o debate que se estableza sexa “profundo e sosegado”, consensuando e acotando en primeiro lugar qué capítulo ou qué aspecto se considera necesario modificar: “Debemos e deben ter todos presente que reformar ou modificar non implica a ruptura da nosa Norma Fundamental. Tampouco tén que supor satisfacer a quenes quixeron destruíla, como tampouco calar aos que pensan que, polo simple feito de ter corenta anos, é xa como unha prenda que pasou de moda”.
O subdelegado do Goberno recoñeceu e agradeceu o traballo dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, sen esquecer as extraordinaria situación que viviron nas últimas semanas. “Unha sociedade democrática e avanzada como a que propugna a Constitución non pode avanzar sen uns corpos policiais que realicen unha labor discreta e eficaz na defensa do Estado de Dereito”, asegurou.
Para pechar a súa intervención, Ramón Carballo animou a encarar “xuntos o futuro, perseverando na lealdade aos valores constitucionais”. “Contamos cunha tradición democrática consolidada e temos a misión de coidar o prezado legado dos valores e actitudes que constitúen a esencia do espirito constitucional”, rematou.
Ao acto, que rematou cos himnos de Galicia e de España, asistiron representantes da vida civil, militar, xudicial e eclesiástica da provincia. Entre eles, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a primeira tenente de alcalde do Concello de Lugo, Ana Prieto; o presidente da Deputación, Darío Campos; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; o subdelegado de Defensa, Carlos Boado; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Lugo, Miguel Ángel González Arias; o fiscal xefe, Roberto Brezmes; a secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias; e unha nutrida representación de deputados e senadores, entre outros.