O subdelegado do Goberno fai un chamamento á responsabilidade para frear os accidentes nas estradas

TerraChaXa
O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, sumáronse este luns ao acto de recordo e homenaxe ás vítimas de accidentes de circulación que se levou a cabo diante da Xefatura Provincial de Tráfico.
concentracion recordo vitimas accidentes trafico
20 Nov 2017

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, sumáronse este luns ao acto de recordo e homenaxe ás vítimas de accidentes de circulación que se levou a cabo diante da Xefatura Provincial de Tráfico. No transcurso do mesmo, o subdelegado leu un manifesto e gardouse un minuto de silencio en lembranza dos falecidos nas estradas. Participaron tamén outras autoridades das distintas administracións, representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e membros de asociacións de vítimas, coa intención de chamar a atención sobre a traxedia persoal e social que supoñen os sinistros de tráfico e avivar conciencias para estimular á sociedade na loita común contra esta problemática.

Ramón Carballo fixo un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das normas de circulación para evitar máis mortes nas estradas, xa que “todos estamos implicados no tráfico, sexa como condutores ou como peóns, e por iso debemos concienciarnos e adoptar comportamentos responsables se queremos frear a sinistralidade”. Lembrou que os accidentes de tráfico causan cada ano a morte “de preto de 1,25 millóns de persoas en todo o mundo” e as lesións causadas por estes sinistros son xa “a principal causa de defunción no grupo de idade de 15 a 29 anos”.

No que vai de ano, 15 persoas perderon a vida nas estradas da provincia de Lugo, 8 menos que no mesmo período do ano pasado. En todo 2016, o número de vítimas mortais nas vías interurbanas lucenses fora de 27. Ata o día de hoxe, na rede viaria de toda Galicia faleceron 69 persoas.

O Día Mundial en recordo das vítimas de tráfico conmemórase cada terceiro domingo de novembro dende o ano 2005, cando foi recoñecido oficialmente polas Nacións Unidas. O subdelegado explicou que con esta conmemoración non só se pretende lembrar ás vítimas senón tamén fomentar unha profunda reflexión social sobre esta realidade.

Unidades de atención a vítimas
No acto fíxose tamén especial mención ao labor das Unidades de Atención a vítimas de accidentes de tráfico (UVAT), ubicadas nas Xefaturas Provinciais de Tráfico, que se encargan de asesorar, informar e prestar axuda ás vítimas, ou aos seus familiares, naquelas cuestións que poidan precisar despois de sufrir un sinistro de circulación. Do que se trata é de estar ao seu carón, facilitándolles o acceso aos recursos existentes e velando polos seus dereitos.

No que vai deste ano, a UVAT da Xefatura Provincial asesorou a 351 persoas afectadas por accidentes de tráfico. Dende que se puxera en marcha en Lugo no ano 2013, a unidade atendeu a máis de 2.200 vítimas.

0.15315198898315