O subterráneo da praza da Constitución de Vilalba pasará a ser un estacionamento regulado
O Concello de Vilalba avanzou as súas conclusións sobre o futuro do aparcamento público gratuíto dos subterrános da praza da Constitución. Así, este pasará a ser un estacionamento regulado, fixando un tempo máximo gratuíto tralo que empezará a cobrarse.
Para poñer en marcha este proxecto, o Concello destinará un total de 67.500 euros, para os busca finanzamento co obxectivo de sacar este proxecto adiante canto antes.
A obra realizarase en tres fases. Na primeira instalarase a maquinaria e unhas barreiras para poñer en marcha un sistema de cobranza por tempo para os usuarios. Así, colocaranse un posto de cobranza automática, unha máquina de entrada expendedora de ticket ISO en código de barras e outra de saída, dúas barreiras, dous cámaras de captura de matrícula e un cartel luminoso para indicar se está libre ou completo.
O obxectivo é tamén facerse cun equipo informático e software de captura de matrículas e farase a conexión coa sala adaptada para o servizo de control, que está previsto que se sitúe na casa do concello.
A segunda fase contempla a mellora e adecuación da instalación de iluminación de emerxencia e a mellora da seguridade, mentres que a terceira centrarase en adecuar á normativa os roteiros peonís, a sinalización horizontal e a reorganización dalgunhas prazas de aparcamento, xa que teñen previsto suprimir tres.
O subterráneo, que agora mesmo é un aparcamento libre e gratuíto abriuse en 2004. Malia que sufriu cambios e adaptacións foi en 2009 cando quedou na súa forma actual, ao establecerse 96 prazas sinalizadas para turismos, das que tres son adaptadas, e nove para motos. O antigo equipo de Goberno tamén tiña feitas algunhas propostas co obxectivo de regular este servizo, pero non chegou a facerse.