O teatro chega a Rábade cunha ampla programación ata outubro

O Concello de Rábade vén de anunciar unha completa programación teatral que se desenvolverá no Centro Sociocultural durante os meses de setembro e outubro, cunha oferta variada e para todos os públicos.
O ciclo arrinca hoxe, sábado 20 de setembro, ás 19:00 horas coa compañía Hipócrita Teatro, que presentará a obra Casting, destinada ao público adulto. A semana seguinte, o 27 de setembro tamén ás 19:00 horas, será a quenda de Ítaca Teatro con Instrucións para tomar café, unha proposta pensada para mocidade e adultos.
Xa en outubro, a programación continuará o día 18 ás 18:00 horas coa Compañía Satori e a súa obra Cores do camiño, dirixida ao público infantil e familiar. O 19 de outubro, o público poderá asistir en Santiago de Compostela á representación de A serie Clopen, do Centro Dramático Galego, cunha saída organizada dende o Concello ás 14:50 horas. As prazas son limitadas e teñen un prezo de 5 euros, sendo preciso inscribirse previamente na área de Cultura e Deporte.
Finalmente, o 25 de outubro ás 19:30 horas, Ius Theatrum traerá a obra Las preciosas ridículas, dirixida a todos os públicos, pechando así unha programación que busca achegar o teatro á veciñanza en todas as súas formas e estilos.
Todas as representacións celebradas no Centro Sociocultural de Rábade serán de balde, ofrecendo á cidadanía unha oportunidade única de desfrutar da cultura e das artes escénicas sen custo algún.