O tecido empresarial reúnese co secretario xeral de Desenvolvemento Enerxético
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes da Asociación de Empresarios Seara e de Cohempo, Asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios ponteses. Unha reunión na que coincidiron na importancia e a necesidade de apoiar o desenvolvemento industrial en Galicia, e en concreto, nas Pontes.
"Esta reunión enmárcase na comunicación constante e fluída que están a ter a Xunta e o empresariado pontés para abordar o seguimento dos proxectos industriais que se asentan ou se van asentar na comarca", explican desde a Concellería.
Nicolás Vázquez insistiu en que desde o Goberno galego se está a incentivar a axilización administrativa e a desburocratización para que todas as iniciativas se poidan implantar o antes posible. Neste sentido, puxo en valor o plan de aceleración de proxectos industriais ou a posta a disposición de solo empresarial gratuíto durante os primeiros oito anos.
"A isto hai que sumar a creación da Oficina Económica de Galicia que ofrece un servizo centralizado de atención para o asesoramento integral ás empresas e que desde a súa posta en marcha no mes de abril, xa leva atendido máis de 7.000 solicitudes", dixo.