O Tecor Terra Chá acollerá a XXXVI Copa FGC Lugo de Cans de Parada, puntuable para a Copa Galicia

O Tecor Terra Chá converterase o vindeiro 7 de marzo de 2026 no epicentro da actividade cinexética provincial coa celebración da XXXVI Copa FGC Lugo de Cans de Parada, unha das probas máis destacadas do calendario e que será puntuable para a Copa Galicia.
A competición supón o regreso das probas oficiais a este escenario chairego, reunindo a participantes e afeccionados nunha xornada dedicada ao traballo dos cans de mostra e á promoción dunha caza responsable e respectuosa co medio natural. O evento ofrecerá unha oportunidade para poñer en valor tanto a preparación dos exemplares como a convivencia entre os distintos colectivos vinculados ao ámbito cinexético.
A organización corre a cargo da Federación Galega de Caza en Lugo, coa colaboración do Societario de Cazadores Terra Chá, que contribuirá ao desenvolvemento dunha cita que cada ano atrae a numerosos participantes e público.
Dende a sociedade de caza anfitrioa animan a afeccionados e veciñanza a achegarse ao Tecor Terra Chá para apoiar aos competidores e compartir unha xornada marcada pola paixón polo mundo do can de parada e polo respecto ao territorio.