'O teu xacobeo’ impulsará 52 proxectos na provincia de Lugo
A convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirá impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto que conta cun investimento de 4,7 millóns de euros e que permitirá mobilizar preto de nove millóns de euros en toda a comunidade ao longo deste 2019 e ata abril do 2020.
No que respecta á provincia de Lugo, a convocatoria favorecerá a posta en marcha de 52 proxectos de dinamización en distintos municipios. O investimento nesta provincia será duns 531.400 euros nas tres liñas de axuda abertas, que permitirán mobilizar arredor de 954.500 euros no período sinalado.
No caso da primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións), impulsaranse na provincia de Lugo un total de 18 actuacións que contarán cun investimento próximo aos 164.000 euros. As achegas beneficiarán a 14 municipios diferentes.
A segunda das liñas favorecerá a posta en marcha nesta provincia de 10 iniciativas propostas por pemes ou particulares nas que se investirán 114.200 euros. As achegas beneficiarán a 4 municipios diferentes.
Por último, a terceira das liñas permitirá que boten a andar 24 propostas de entidades públicas ou privadas luguesas sen ánimo de lucro e contará cun orzamento de 254.000 euros. As achegas beneficiarán a 10 municipios diferentes.
A nivel de toda a comunidade, o conselleiro de Cultura e Turismo subliñou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21.
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.
En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.
No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.