O Torneo 3x3 Naturleite de Meira celebrarase o 16 de agosto cunha nova edición

O concello de Meira prepárase para acoller unha nova edición do Torneo 3x3 Naturleite, que se celebrará o vindeiro 16 de agosto de 2025, a partir das 18:00 horas. A cita deportiva, xa consolidada no calendario estival da comarca, promete reunir a afeccionados e xogadores de todas as idades nun ambiente de competición e diversión.
As inscricións xa están abertas e deben realizarse a través do correo electrónico 3x3meira@gmail.com. O prazo remata o 10 de agosto ás 23:59 horas, e as prazas son limitadas: un máximo de 20 equipos na categoría sénior e 8 equipos nas restantes categorías. A inscrición será formalizada por orde de recepción, unha vez enviados todos os datos necesarios e, no caso da categoría sénior, o xustificante de pago.
O torneo está estruturado en cinco categorías: PreMini (nados en 2015 e 2016), Mini: (nados en 2013 e 2014), Infantil (nados en 2011 e 2012), Cadete (nados en 2009 e 2010) e Sénior (nados en 2008 ou anteriores).
Cada equipo debe estar formado por un mínimo de 3 xogadores e un máximo de 4. A participación será gratuíta para as categorías PreMini, Mini, Infantil e Cadete, mentres que os equipos da categoría Sénior deberán aboar unha cota de 50 euros.
A organización agarda superar o éxito da edición anterior, que contou con 19 equipos na categoría sénior e 18 equipos nas categorías de menores. Con estas previsións, Meira converterase de novo nun punto de encontro para o baloncesto base e afeccionado, nun torneo que xa é todo un referente no verán lucense.