O traballo do Equipo Chaira recibe o premio Mestres da Memoria 2025

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestras/es da Memoria 2025 respectivamente a María da Vrea e ao Equipo Chaira, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.
As distincións entregáronse este venres no marco da X Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, co apoio do Concello de Lugo, no Centro Cultural O Vello Cárcere.
No acto, conducido por Lois Pérez, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Carlos Solla, que leu a laudatio de María da Vrea, e Xosé Miranda, que leu a laudatio do Equipo Chaira.
A actividade contou tamén co acompañamento musical de Sés e a intervención de María da Pontragha.
O EQUIPO CHAIRA
O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Chá. Recolleron inxentes testemuños das 68 parroquias dos concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que se arquivaron e numerosos textos dos que se chegaron a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, en 2004.
Máis aló do proxecto Terra Chá, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.