O Trail das Bestas de Muras recibe un dos Premios Galicia do Deporte pola xestión sostible
O Trail das Bestas, a emblemática proba de montaña organizada no Xistral desde o ano 2017, foi distinguido nos XV Premios Galicia á Xestión Deportiva, na categoría de Xestión sostible no deporte. Este recoñecemento, outorgado pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede), destaca o labor colectivo na organización deste evento que xa se consolidou como unha das citas máis importantes no ámbito deportivo galego.
O galardón foi decidido por un xurado composto por 12 membros e a entrega terá lugar nunha gala no Pazo da Cultura de Carballo (A Coruña) o próximo 13 de decembro, a partir das 20:00 horas.
Desde o Concello de Muras expresaron o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este recoñecemento, destacando o esforzo colectivo que permitiu consolidar esta proba como unha referencia no deporte sostible. En particular, mencionaron a contribución dos anteriores tenentes de alcalde, Belén Chao e Mario Rouco, así como de todos os integrantes da organización que, ano tras ano, traballan para garantir o éxito do evento.
Un evento en crecemento
O Trail das Bestas demostrou ser moito máis que unha carreira. Este ano, na súa sétima edición, celebrada o pasado 7 de xullo, foi incluído no Campionato Galego de Maratón, contando coa participación de máis de 300 deportistas.
Este recoñecemento supón un impulso para seguir promovendo o deporte sostible e a convivencia coa natureza, valores que caracterizan o Trail das Bestas. Desde o Concello de Muras, felicitan tamén ao resto das persoas e entidades galardoadas nesta edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva.