O tren turístico regresa a Meira para descubrir as terras do Miño

A localidade de Meira contará os días 26, 27 e 28 de setembro cunha nova edición do seu tren turístico, unha iniciativa organizada polas Asociacións Meiregas que permitirá percorrer de forma especial as terras do Miño. A actividade, que se vincula coa conmemoración do Día Internacional das Reservas da Biosfera da Unesco, está subvencionada pola Deputación de Lugo e conta co apoio do Concello de Meira.
O tren partirá da Praza do Concello en diferentes horarios. O venres, as saídas serán ás 16:30 horas e ás 18:00 horas. Tanto o sábado como o domingo tamén haberá viaxes en horario de mañá, ás 11:00 e ás 12:30 horas, ademais das sesións da tarde.
A iniciativa, que é de carácter gratuíto, ofrece unha oportunidade única para gozar dunha viaxe diferente e en familia, achegándose á riqueza paisaxística e cultural dun espazo singular como é a Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Con este proxecto, Meira aposta pola posta en valor do seu patrimonio natural e cultural, ao tempo que brinda un plan de ocio alternativo e accesible para veciños e visitantes durante a fin de semana.