O Tribunal de Instancia de Vilalba arquiva a denuncia do PP contra a alcaldesa de Guitiriz

TerraChaXa
A xuíza explica no auto que a documentación achegada proba que asistiu a unha Xunta de Goberno Local de forma telemática mentres estaba de viaxe oficial en Portugal
marisol-morandeira-alcaldesa-de-guitiriz
7 Apr 2026

A sección civil e de instrución do Tribunal de Instancia de Vilalba, praza 2, acorda o sobresemento provisional e o arquivo da causa aberta tras a denuncia interposta polo portavoz dun grupo municipal do Concello de Guitiriz contra a alcaldesa por presuntos delitos de prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos e falsidade en documento público ou oficial.

A denuncia baseábase na percepción de dietas, as cales ascenderon a 381,65 euros, por unha viaxe oficial a Portugal, alegando incompatibilidade entre a presenza da alcaldesa no estranxeiro e a súa asistencia á Xunta de Goberno Local celebrada o 10 de decembro de 2025.

A documentación presentada, segundo consta no auto, acredita que a alcaldesa percibiu as dietas conforme ao establecido no acordo plenario correspondente e que a súa asistencia á Xunta de Goberno Local foi telemática, o que desvirtúa as afirmacións da denuncia.

No auto, a xuíza explica que, tras practicar as dilixencias que se consideraron necesarias, “o resultado das mesmas non logrou confirmar a existencia de indicios suficientes da comisión dos feitos denunciados”. A resolución non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso.

0.11681890487671